DeportesFútbolÚltima hora

A xuventude de Castro Caldelas recolle sinaturas de cara á recuperación do CD Caldelao

Xuventude de Castro Caldelas amosando as sinaturas recollidas.

 

O pasado 13 de xaneiro de 2023 tiña lugar unha asemblea para a volta do CD Caldelao ao terreo de xogo. “Trala súa desaparición antes da pandemia, un grupo de xoves caldelaos que a día de hoxe teñen que desprazarse a outras localidades para xogar ao fútbol noutros clubes decidiron a volta do deporte rei a Castro Caldelas”, explican dende ese grupo, asegurando que nesa asemblea “reclamaron unha serie de medidas inclumpridas polo Concello, entre elas arranxar o actual campo de fútbol municipal, arranxado en 2017 e que se atopa actualmente en moi mal estado debido á falta dun mantemento mínimo dunha instalación municipal”.

Por iso, a xuventude de Castro Caldelas iniciaba unha recollida de sinaturas “cun grande éxito ao reunir máis de 400 asinantes para a volta do CD Caldelao (un 40% da veciñanza), as cales foron presentadas o día 19 de abril no Concello”, din.

Mediante esta recollida de sinaturas demandan “con urxencia, unha maior implicación por parte do Concello, así como a colaboración cos gastos de acondicionamento do campo para que a próxima temporada o CD Caldelao volva estar en activo e todos os caldelaos poidan voltar desfrutar dun deporte como é o fútbol en Castro Caldelas, sen ter que desprazarse a outros lugares”, conclúen.

 

 

Dende o Concello, a alcaldesa de Castro Caldelas Sara Inés Vega, lembra que levaban o mantemento de todas as instalacións do club “e todos os gastos, á parte de darlles unha subvención de 6.000 euros, pero ao desaparecer, a instalación quedou en desuso agora necesita moito arranxo e ademais este inverno coas chuvias caeu un lateral do peche co cal precisa unha reforma importante”.

Trala reunión cos mozos para volver a montar o CD Caldelao a alcaldesa dáballes dúas opcións: “ou ben lles cediamos as instalacións polo tempo que quixeran a maiores dos 6.000 euros e incluso máis; ou esperaban a ver a maneira de poñer a instalación de novo ao día e se realmente tiñan xente e querían formalizar o club que o fixeran”, di a rexedora, recoñecendo que a caída do muro foi posterior á reunión. Agora “o arquitecto municipal está para ver o proxecto que excede bastante a súa competencia e estamos mirando o presuposto necesario para poñer a punto as instalacións e buscar algunha liña de financiación, pero dende logo o Concello de Castro Caldelas apoia a recuperación do Caldelao e o noso apoio está máis que demostrado pero se non hai club non se pode manter unha instalación desas características e hoxe custa moito poñela ao día”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button