DeportesÚltima hora

A XVI Carreira por Montaña do Canón do Sil reunirá a case 200 participantes

A proba disputarase o 22 de outubro en Parada de Sil con tres percorridos de diferente distancia e esixencia física

Participantes na pasada edición da Carreira por Montaña Canón do Sil.

 

Unha nova edición da carreira por montaña “Canón do Sil” levará a preto de 200 deportistas a percorrer a Ribeira Sacra. Os organizadores da mesma déronlle a coñecer no Pazo Provincial, os detalles da competición ao deputado provincial de representación institucional, Rosendo Fernández. No encontro estiveron o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o presidente do Club de Montaña Ribeira Sacra, Xosé Antón Vázquez.

A XVI edición desta carreira, a decana de Galicia e que conta co apoio da Deputación, disputarase o 22 de outubro en Parada de Sil con tres posibles percorridos de diferentes distancias e esixencia física. O de maior percorrido é de 33 quilómetros cun desnivel positivo de 2.220 metros, a distancia intermedia propón un recorrido de 17 quilómetros cun desnivel positivo de 950 metros e, por último, os interesados poden optar pola máis curta que é de 7 quilómetros cun desnivel positivo de 370 metros. Nos tres casos, os participantes transitarán por camiños de terra que os levarán a coñecer lugares icónicos da zona.

A proba, organizada polo Club de Montaña Ribeira Sacra e polo Concello de Parada de Sil, considerada unha das probas máis antigas de Galicia, será ademais nesta edición a final da Copa de Carreiras de Montaña da Xunta de Galicia.

 

Artigos relacionados

Back to top button