Como vén sendo habitual dende hai anos, co ánimo de “seguir atraendo visitantes e contribuír así a dar vida aos negocios” o Concello de Parada de Sil vén de anunciar o programa de outono.
Aquilino Domínguez, o alcalde pensa que o outono coa caída da folla “é unha estación magnífica para desfrutar da paisaxe de Parada, sen tantos visitantes como pode haber no verán. O colorido das follas das cepas é todo un espectáculo neste tempo”, asegura.
Dende a Carreira por Montaña Cañon do Sil que vai pola XVII edición, o mesmo que a Andaina da Castaña e a Andaina para Cativos, pasando por un obradoiro de elaboración de cabazas para o Samaín ou as xornadas micolóxicas e varios magostos sento este ano a XLV Festa do Magosto do San Martiño en Sacardebois o sábado día 9 onde haberá ademais de castañas música e chourizos e viño para todas as persoas que asistan.
Dende o Concello indican que o 16 de novembro terá lugar XI edición da Festa da Pisa da Castaña en Purdeus, “única deste tipo na provincia de Ourense que ten un alto valor etnográfico, xa que as castañas sécanse, písanse e críbanse como se fixo historicamente aproveitando a amabilidade dunha veciña que cede un sequeiro tradicional para que veciñanza e visitantes poidamos gozar deste evento nun souto con castiñeiros centenarios”.