ConcellosQuirogaÚltima hora

A XXI Mostra do Aceite de Quiroga, que reunirá a 4 olivicultores, incluirá música e demostracións de moenda tradicionals

Esta mostra celebrarase o vindeiro domingo 30 de maio en Bendilló e desenvolverase con normal de control de persoas en todo o recinto feiral

 

A Comisión Organizadora da XXI Mostra do Aceite, prevista para o 30 de maio, vén de facer público o programa de actos desta festa declarada de Interese Turístico. O Concello marcaba nesta edición que o aceite que se presente á mostra tiña que contar con rexistro sanitario, autorizado polo órgano competente. Este ano son catro os olivicultores inscritos para participar nunha Mostra do Aceite diferente e adaptada a unhas condicións e normas sanitarias que esixiron cambios na súa organización.

Os asistentes a este evento poderán seguir desfrutando da posta en funcionamento do muíño de aceite tradicional, adquirir o aceite de oliva virxe extra que se produce en Quiroga e outros produtos típicos e mesmo comer no recinto feiral, pero todo supeditado a unhas normas de control de persoas en todo o recinto feiral.

Para facilitar que os asistentes poidan ver a elaboración do aceite tradicional, ademais de verse en vivo no muíño como todos os anos, proxectarase este proceso na Capela das Farrapas, coa intención de que non haxa tanta aglomeración.

 

 

O recinto feiral estará aberto dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño poderase concertar cita previa, a través do teléfono 982.43.51.25. A organización decidiu que en cada hora (duración que se estima de cada visita) non haxa máis de 200 persoas en todo o recinto feiral, polo que aínda que a entrada é libre, darase preferencia de entrada a aquelas persoas que concertaran cita previamente.

Nesta edición tampouco faltará a parte festiva. A música do grupo de gaitas O Recanto deixarase sentir polo recinto feiral a partir das doce do mediodía.

Segundo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, trátase dunha mostra cunha normativa adecuada que cumprirá as normas sanitarias decretadas polas autoridades competentes en cada momento, pero co mesmo atractivo e servizo de anteriores edicións.

 

Artigos relacionados

Back to top button