CulturaCulturaEducaciónEn portadaMúsicaÚltima hora

A XXIII Convivencia de Educación Infantil “Cholo e Nela, camiño de ida e volta” será o 30 de maio no CEIP Julio Gurriarán do Barco

A comisión de traballo desta proposta educativa e lúdica mantiña esta tarde unha reunión para concretar aspectos desta nova edición que supón a recuperación deste proxecto, interrompido no 2020 pola pandemia

 

Tras un parón de tres anos por mor da pandemia, os promotores da Convivencia de Educación Infantil “Cholo e Nela” están xa en marcha con moita ilusión e novas ideas para oganizar unha nova edición deste evento educativo e lúdico, cunha gran acollida e alta participación. Na tarde deste 8 de novembro o grupo de traballo desta convivencia mantiña unha xuntanza no salón de actos do CEIP Julio Gurriarán do Barco no que se acordaba, entre outras cuestións, a data e lugar da celebración deste encontro de nenos e nenas de educación infantil. Será o 30 de maio do 2024 neste mesmo centro de ensino: o CEIP Julio Gurriarán.

Ademais ogrupo de traballo da convivencia decidía a temática do que será xa a súa 23 edición, baixo o título “Cholo e Nela, camiño de ida e volta”. Os principais puntos de interese desta iniciativa serán “os valores culturais e patrimoniais do Camiño de Santiago, a lingua, as lendas, a diversidade e as habilidades sociais (tendo en conta o impacto que causan os peregrinos, por exemplo, na súa chegada a Compostela) e as emocións. Esta é unha proposta de metodoloxías activas e construción de ambientes de aprendizaxe a partir do Camiño de Santiago”, adianta Carlos Rodríguez Calvente, membro do grupo de traballo da convivencia.

 

 

A participación nesta actividade está aberta, se ben, como gran novidade nesta edición xa se sabe que se contará coa presenza dun colexio de Monforte de Lemos (Lugo) e outro de Cubillos del Sil (León), co “cal trascende a nosa bisbarra e convértese en interprovincial e tamén, digamos, intercomunidade autónoma”, engade Rodríguez Calvente.

Outra das cuestións que o grupo de traballo está a valorar é que, ademais do alumnado de educación infantil, tamén se poida incorporar nesta edición da convivencia o de primeiro e segundo de primaria dos centros, dado que non puideron participar nas convivencias anteriores, xa que non se celebraron.

As Convivencias de Educación Infantil comezaban a realizarse no ano 1997, polo que no 2024 cumprirase o 25 aniversario deste proxecto, se ben será a súa 23ª edición, tendo en conta que no 2012 non se organizaron (como protesta contra os recortes en horarios e orzamentos) e que no 2020 quedaron interrompidas pola pandemia do Covid.

Malia que as convivencias non se celebraron nos últimos anos, o equipo seguiu traballando neste proxecto, que estaba a ser xa demandado polos diferentes centros educativos e que agora volve con novas iniciativas e con moita forza.

Artigos relacionados

Back to top button