Co tradicional corte de bacelos, nesta ocasión a cargo da Adega Don Bernardino en lembranza do seu fundador, inaugurábase a XXXIX Feira do Viño de Amandi no mediodía do 13 de abril en Sober (Lugo). Este acto, seguido dun brinde, contaba coa asistencia da familia do adegueiro recentemente falecido, e tamén coa do conselleiro do Medio Rural, José González, e coado alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, entre outras autoridades.
A partir aí soaba a música tradicional e comezaba o percorrido dos visitantes polas casetas das 24 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que participan nesta edición: A Carqueixa, Algueira, Barbado, Cividade, Cruceiro, Don Bernardino, Estrela, Finca Cuarta, Guímaro, Gullufre, Lucenza, Malcavada, Marcelino I, Naz, Petrón, Proencia, Rectoral de Amandi, Rectoral de Gundivós, Regina Viarum, Tear, Viña Frieira, Val da Lenda, Viña Cazoga e Viña Peón.
O programa desta edición, na que o Concello convidado é O Saviñao, inclúe unha cata oficial dos viños da feira (con tres premios en tintos, un en brancos e outro para o mellor viño en barrica doutras añadas), así como demostracións de talla con motoserra, numerosas actuacións musicais (entre elas a da Banda de Música de Sober, a do grupo valdeorrés Sr. Jingles ou a das charangas Louband e NBA), concursos, exposicións e, por suposto, o pregón a cargo da fadista María do Ceo o 14 de abril ás 13h. Esta cantante ofrecerá un concerto gratuíto o día anterior ás 20h. no Auditorio do Centro Sociocultural de Sober.
Fotos: Carlos G. Hervella.