Non todos os días se cumpren 25 anos. De aí que para celebralo Abertal veña traballando dende os últimos meses. O resultado verase a partires das 23h. do 14 de agosto na praza da Estación da Rúa.
O programa encetarase coa proxección dun video sobre a traxectoria desta escola de música tradicional ruesas, con imaxes, anécdotas e algunhas das múltiples historias acaecidas neste cuarto de século.
Logo darase paso ao concerto do 25 aniversario, no que membros das catro épocas de Abertal (a súa fundación, as gravacións do primeiro e segundo disco e a actual), tocarán, cantarán e bailarán pezas de cada un deses momentos da escola.Cada grupo (a banda de gaitas, as pandereteiras, os grupos de baile, o coro e os acordeonistas) tocará e bailará pezas en función da época.
Na gala tamén haberá convidados cos que Abertal e Manolo Durán, o seu director e fundador, manteñen uns fortes lazos de amizade como a familia Seivane, Montse Rivera de Leilía ou Xaquín Xesteira de Treixadura, entre outros, contando coa presentación por parte de Emilio Españadero, locutor da Radio Galega e condutor de Lume na Palleira (que no seu momento lles concedera o premio Recuncho na Palleta como mellor agrupación).
Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).