
Como unha das máximas representacións da cultura tradicional galega, Abertal conmemora cada ano o Día das Letras e neste 2023 faráo por partida dobre, con actuacións fóra e dentro do concello.
Mañá, mércores 17 de maio, a agrupación ao completo viaxará ata Vilanova dos Infantes para participar na Romaría de Raigame. Tal como adianta Manuel Durán, aproveitarán a xornada para pasar o día xuntos polo que sairán xa de boa mañá. “Actuarán 36 persoas pero iremos preto de 90, como se foramos de excursión”, di, adiantando que terán dúas actuacións (ás 17:30 e ás 18 horas) en dous puntos diferentes da feira cun pouco de todo (baile, acordeóns, pandeiretas, banda de gaitas,…).
Dous días despois, o venres 19 de maio, será a celebración das Letras Galegas na casa, na praza do Concello da Rúa ás 20 horas. Igual que o ano pasado haberá tamén un pouco de todo, intercalando actuacións musicais e de baile con lecturas sobre o homenaxeado deste ano, Francisco Fernández del Riego.