
A situación sanitaria segue condicionando a vida social e ludica e a chegada da sexta onda de contaxios cos positivos por Covid de novo á alza, supuxo un novo cambio nas programacións de Nadal.
No caso concreto da Rúa, cancelábanse actividades previstas nun principio como o parque de animación infantil no pavillón ou a despedida do ano cun brinde na praza, polo que dúas das asociacións culturais da vila decidían unirse para animar, dentro das posibilidades, estas datas.
Así a Asociación Cultural Abertal coa colaboración da Asociación Cultural de teatro A Ruada, porán un alegre toque musical nesta próxima fin de semana. En tonro ás 12 horas do domingo 26 de decembro, evitando así posibles aglomeracións, percorrerán as rúas do pobo cun pasarrúas, con actuación na rúa Doutor Vila e na praza do Concello, que contará coa presenza do Apalpador que irá repartindo agasallos entre os máis pequenos.
Ese mesmo día pero pola tarde, ás 19:30 horas, a banda A Lira de Ribadavia dará un concerto de Nadal no Centro Cultural Avenida. O aforo será limitado e a entrada de balde, sendo necesario retirar invitacións no Concello ata o 23 de decembro ou en taquilla o 25 e 26.
