Dúas semanas despois de ser declarada de Interese Cultural Galego e de presentar a que será a súa sede no Barco de Valdeorras a Fundación Florencio Delgado Gurriarán presenta a primera actividade, o V Premio de Poesía FDG.
Na mañá deste mércores 24 de xullo, diante da casa de Florencio, en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) presentábase o cartel desta edición do premio, feito pola ilustradora Eva Piay, natural de Rubiá, que presenta referencias á aldea de Florencio, ás uvas, aos louxados valdeorreses, ao Ipanema ou aos montes do val. No acto estaban Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco; Anxo Baranga, veciño de Córgomo e impulsor da figura de Florencio; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, quenes adiantaban que o prazo para que todos os poetas remitan os seus textos estará aberto dende esta noite ata o 15 de setembro na web da fundación onde tamén poden consultarse as bases.
A Fundación conta coa cooperación da Deputación de Ourense para pór en marcha este premio único de 3.000 euros, ao que poderán optar os maiores de 18 anos con textos inéditos, escritos en galego e que non excedan os 90 versos.
Os membros do xurado serán publicados no vindeiro mes e escolleran catro finalistas que serán divulgados o día 7 de outubro. O gañador ou gañadora deste ano coñecerase na Gala de Entrega de Premios.

Fotos e vídeo: O SIL.