
Desde este luns 7 de outubro está aberto o prazo para a inscrición nunha nova edición dos Obradoiros de Estimulación Cognitiva ‘Fiando a Memoria’, unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Concello do Barco, dirixida a persoas adultas que queiran manterse activas e exercitar as súas función congnitivas.
A inscrición é totalmente gratuíta, xa que se trata dun proxecto financiado polo Concello do Barco, e pode realizarse a través do 988 68 48 85 ou de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais, situado na Casa Consistorial (Concello Vello).
Algunhas das actividades que se levan a cabo son exercicios de memoria para mellorar a codificación, almacenaxe e recuperación da información. Tamén se desenvolven técnicas de expresión artística, exercicios de diferente tipo, e técnicas participativas para recuperar a memoria individual e colectiva, así como exercizos de expresión oral e escrita, e dinámicas corporais e de xogo.

Estes obradoiros son tamén un espazo de encontro e desfrute onde se recuperan saberes comunitarios e patrimoniais da contorna. Na derradeira edición, o curso pasado, participaron 49 persoas, a maioría delas mulleres. Neste curso comezarán o luns 14 de outubro en Veigamuíños e Éntoma, e o mércores 16 de outubro no Barco e en Viloira. O curso rematará a finais de xuño de 2025.
Os obradoiros realizaranse unha vez á semana. En Veigamuíños, luns de 16 a 17:30 horas no Local Municipal da Asociación de Veciños; en Éntoma luns de 18 a 19:30 horas na Antiga escola Municipal; no Barco, mércores de 11 a 12:30 horas na Biblioteca (4ª planta); e en Viloira, mércores de 15:30 a 17 horas no Local Municipal da Asociación de Veciños.