CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Abre ao público “Os nosos Entroidos: exposición de traxes tradicionais e de personaxes”, en Ourense

A mostra, que recolle unhas 110 figuras de 39 concellos da provincia, poderá visitarse na Sala Valente ata o mes de abril

 

Na Sala Valente da cidade de Ourense vén de abrir ao público esta mañá a mostra “Os nosos Entroidos: exposición de traxes tradicionais e de personaxes”, que poderá visitarse cando menos ata o vindeiro abril ou incluso ata maio, tal e como indicaba o alcalde ourensán, Gonzalo Jácome. Reúne 110 pezas de 44 celebracións diferentes da provincia e de 39 concellos. “O Entroido é a maior festa que temos en Ourense, e a provincia é unha potencia do Entroido. A cidade é o epicentro no que poden pivotar os Entroidos galegos”, asegurou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante o acto inaugural, que contaba coa asistencia de diferentes autoridades, entre elas Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia, e os vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e César Fernández.

 

O coordinado da exposición, Francisco González./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, así como por asociacións culturais e por particulares. Entre eles inclúense figuras de referencia como Boteiros (como os de Viana do Bolo e Vilariño de Conso), as Mázcaras de Manzaneda, o Touro e o Xigante de Celavente (O Bolo), a Mázcara e o Oso de Buxán (O Bolo), o Cigarrón de Verín e o Capuchón, o os Felos de Maceda, a Morena de Laza…

Non faltan tampouco figuras como o Fargalleiro da Rúa Vella, un disfraz recuperado anos atrás e que sae coa comparsa A Ruada ou os elementos do Folión Os Labregos de Trives, como os bombos ou a indumentaria coa que desfilan, incluíada a da súa máscara.

 

 

A mostra inclúe así mesmo os referentes do Entroido nos barrios de Ourense: a Pita das Eiroás, a Paquita e o Nicanor de Seixalbo ou o Frei Canedo da Ponte. O seu coordinador, Francisco González, amosaba ao seu agradecemento ás 9 persoas do seu equipo de traballo e tamén ás entidades e particulares que cederon o material. Ademais indicaba que a exposición “é algo vivo” e que se van incorporar nos vindeiros días algunhas pezas.

 

 

O horario de apertura da sala Valente (rúa do Paseo 20, planta baixa) é o seguinte: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas; os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Os luns o espazo permanece pechado.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button