EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ábrense as reservas para o xa clásico Viñobús Vendima da Ribeira Sacra

Esta iniciativa do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra desenvolverase os días 16, 17, 23 e 24 de setembro

Participantes nunha edición anterior do Viñobus da Ribeira Sacra./ Foto: Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

 

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra abre as reservas para unha nova edición do xa clásico Viñobús Vendima, que se desenvolverá nos días 16, 17, 23 e 24 de setembro. A experiencia, semellante á de edicións anteriores, pretende que os visitantes de Ribeira Sacra teñan a oportunidade de poñerse na pel dos nosos e nosas “viticultores heroicos”. Deste xeito, reprodúcese o que sería un día de vendima tradicional nas pronunciadas ladeiras da nosa Denominación de Orixe.

A xornada comezará cunha breve introdución e paseo polo viñedo, acompañados dos propios colleiteiros, quen ensinarán as particularidades do chan e das uvas a colleitar. A experiencia continuará coa organización de traballos e aparellos necesarios para levar á viña, recollida e carretaxe da uva e, posteriormente, os que se animen, poderán pisar os acios como se facía antigamente.

Os participantes tamén terán a oportunidade de realizar unha cata de uvas, mostos e viños, ademais de desfrutar dun pequeno tentempé ao rematar, tal e como se fai nunha xornada habitual de vendima.

É unha actividade dirixida a todas as idades e a súa duración é dunha media xornada estendida; inclúe o transporte en microbús, guía especializado en enoturismo e todas as actividades en viñedo e adega. Todos os que participen do pisado tradicional da uva, poderán recibir nos seus domicilios unha botella de viño cando éste estea listo para a súa degustación.

As reservas están abertas na páxina web do consorcio dende o mediodía deste venres: https://turismo.ribeirasacra.org/es/vinobusvendimia2023

Trátase dunha iniciativa financiada con cargo ao Convenio de Colaboración asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

Máis información e reservas (a partir do 1 de setembro): https://turismo.ribeirasacra.org/gl/vinobusvendima2023

Artigos relacionados

Back to top button