En portadaÚltima hora

Ábrese no Barco un punto de información turística e de captación de novas oportunidades

Esta oficina, que abría as súas portas este martes, está situada na Praza de Abastos da vila

 

Será moito máis que un punto de información. A nova oficina de información turística que vén de abrir as súas portas na Praza de Abastos do Barco tamén nace con vocación de captar e canalizar novos proxectos e oportunidades para dinamizar, a través do turismo, este territorio. Así se destacaba no acto de apertura que tiña lugar esta mañá no local coa presenza do alcalde do Barco, Alfredo García, do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Eladio Santos; así como do secretario xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Xoán Vázquez Mao; e da nova xerente do Inorde, Emma González.

“Dende esta oficina vaise traballar en dous ámbitos. Por unha banda, no sector dos produtos tradicionais, dos recursos que ten O Barco e Valdeorras, fundamentalmente recursos do sector agrario xa coñecidos como o viño, a castaña, os cogomelos, a horta valdeorresa que ten moito potencial que aínda queda moito por desenvolver, licores, o forno en xeral… Son actividades que xa están funcionando en moitos casos con empresas, pero cremos que aínda pode haber máis posibilidades de medrar nese senso. E estes elementos enogastronómicos constitúen un piar básico das potencialidades turísticas do Barco, polo que, se impulsamos estes sectores tamén impulsamos o turismo de forma transversal”, aseguraba Eladio Santos.

 

 

Este novo punto de información turística vén de crearse e poñerse en marcha con financiamento obtido de fondos europeos, a través do Eixo Atlántica, entidade transfronteiriza á que pertence O Barco. Así o indicaba o seu secretario xeral no acto, no que adiantaba tamén novas accións en materia turística como a recuperación da feira de produtos tradicionais tanto na vila barquense como fóra, en concreto, en Lugo. “Hai un ano presentábamos aquí o informe de turismo que o Eixo fixo para O Barco, pero non nos quedamos só nel, hoxe abrimos un punto de referencia unha de cuxas misións é poñer en práctica as conclusións do citado traballo. Isto non é un posto só para distribuir material turístico, é tamén unha oficina para identificar oportunidades, produtos, rutas e poñer en valor non só Valdeorras, senón toda a comarca”, resaltaba Vázquez Mao.

 

 

Así mesmo Vázquez Mao, que aludía á importancia da incorporación da Deputación de Ourense (da que forma parte o Inorde) ao Eixo Atlántico, resaltaba que “O Barco para nós é unha zona fundamental por varias razóns: polas súas potencialidades no turismo e gastronomía e porque para nós é o epicentro doutras das nosas liñas de traballo que é a loita contra a crise demográfica. Hai un factor novo que vai ser importante para O Barco e é que o AVE vai chegar a Galicia e vai ter parada na Gudiña. Estaría moi ben que a Xunta de Galicia arranxara a conexión do Barco coa Gudiña, que é da súa competencia, e que vai posibilitar que a estación do AVE sexa a estación de toda esta zona e non só para que a xente de aquí poida saír, senón tamén para que os turistas poidan ver. Se arranxan a estrada O Barco e a comarca van quedar a menos de 2 horas de Madrid, o que en termos turísticos, nun momento no que se pon en valor a natureza e a gastronomía vai reforzar un territorio que ten natureza, gastronomía e turismo enolóxico”.

Para a xerente do Inorde o proxecto deste novo punto de información no Barco “simboliza esa fórmula de cooperación que é básica e que temos que afondar nela para que as accións poidan ser fluídas. Produtos tradicionais e dinamización turística debe ser algo indisoluble e que vai marcar o noso posicionamento nos mercados”.

O acto pechábase coa intervención do alcalde do Barco, Alfredo García, quen agradecía a colaboración do Eixo Atlántico, xa que “poder finalizar esta oficina durante un ano con cargo a fondos europeos é importante para comezar”. E facía fincapé en que este proxecto “nace con visos de continuar, non podemos seguir de costas ao turismo, e esta oficina vén para quedarse”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Diana Ramos é a persoa que estará á fronte desta oficina./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button