
Contentos e ilusionados por poder chegar á V edición, os membros da Asociación Cultural de Teatro A Ruada poñen en marcha os motores das xornadas de teatro da Rúa que este ano serán internacionais, aumentando o número de agrupacións e ampliando as representacións a tres fins de semana, do 27 de xuño ao 13 de xullo.
Estas V xornadas de teatro internacional da Rúa contarán coma sempre coas propostas dos grupos de teatro afeccionado da comarca de Valdeorras, abrindo fronteiras cara outras provincias, comunidades e incluso países, contando con grupos de Ponferrada (León), San Clodio e Monforte (Lugo), Verín e Chaves (Portugal). Un ano máis ao teatro únense tamén a música, da man da agrupación tradicional Abertal, e a pintura, da man das mulleres da Rúa.
A gala de inauguración, será o venres 27 de xuño ás 21:30h. contando coma sempre coa actuación da agrupación de música e baile tradicional Abertal, a presentación a cargo da escritora Rosa Enríquez Noya e a representación da obra “Taberna sen dono” por parte de A Ruada Teatro, o grupo anfitrión.
Texto e foto: Mónica G. Bellver