Documento creado pola xerencia do Inorde co obxectivo de servir como ferramenta de transparencia que dea conta das actividades desenvoltas ao longo do ano, a memoria de actividades correspondente ao exercicio 2021, era presentado á comisión executiva o pasado venres 11 de marzo polo presidente do organismo, Rosendo Fernández.
“Durante este 2021 enfocamos os esforzos do Inorde a apoiar fundamentalmente ao sector turístico e agrogandeiro da nosa provincia, tal e como se reflicte neste documento, co fin de incidir na súa orientación cara a sustentabilidade e a dixitalización. A ese resecto, o Inorde está a desenvolver unha estratexia de desenvolvemento de produto e de posicionamento do destino orientado prioritariamente ao mercado madrileño, amparada baixo a marca turística OU. Neste senso realizouse un investimento importante participando en foros profesionais para impulsar tanto a comercialización do destino como a súa promoción ante potenciais visitantes (participación en FITUR, INTUR, e acordos de colaboración coa Asociación de Turoperadores de Receptivo de Galicia, entre outros), que está a dar os seus froitos coa creación de novos paquetes turísticos en toda a provincia por parte de diferentes empresas.
Tamén destacou Fernández como outro dos fitos salientables desta anualidade, “lograr que a nosa candidatura impulsada aos Plans de Sostibilidade Turística en Destino, fose elixida de entre as 301 presentadas, o que nos permitirá investir máis de 3 millóns de euros nos 15 municipios rurais termais da nosa provincia, grazas a un convenio entre a Deputación de Ourense, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, xerenciado polo Inorde, como organismo adscrito á Deputación que ten encargadas as funcións turísticas”.
No ámbito do turismo deportivo, renovamos a alianza de cooperación coa Axencia de Turismo de Galicia “o que nos permitiu desenvolver diferentes eventos que lograron atraer a un perfil de visitante deportistas ao noso territorio procedentes de numerosas provincias españolas e Portugal, reafirmando a nosa capacidade como destino para acoller probas deportivas de primeiro nivel, e contribuíndo a dinamizar a vida social e económica da nosa provincia”, dixo o presidente do Inorde. Neste sentido, dado que se está a apostar pola especialización cicloturista, promovemos a celebración por primeira vez dunha proba na Ribeira Sacra. A outra liña de especialización está vencellada aos deportes náuticos na contorna do embalse de Castrelo de Miño. O Inorde prestou apoio a máis de 80 eventos deportivos celebrados na provincia.
En materia turística complementouse o labor do Inorde mediante a reactivación dos Xeodestinos de Terra de Celanova- Serra do Xurés e Manzaneda-Trevinca-Valdeorras.
Entre outras moitas actividades, Rosendo Fernández destacou o traballo realizado polo Inorde a través dos sete proxectos europeos nos que estivo inmerso como, por exemplo, o Red Agriconect 4.0 “que nos permitiu formar a máis de 150 empresas e produtores en dixitalización nos sectores do viño, mel e castaña e acompañar a 30 empresas agroindustriais no seu plan de transformación dixital, entre outras”. Mentres que, o proxecto do Circular Labs fixo posible que se promovera a aposta por un modelo de economía circular entre o empresariado, así como crear “un laboratorio rural no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo, para axudar aos pequenos produtores nesa transformación”, engadiu o presidente do Inorde.