CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima horaVídeos

Aclamado concerto do compositor e pianista natural de Río, Octavio Vázquez, en Trives

“Os Sons da Emigración” fixo un percorrido polas músicas que puideron escoitar moitos dos nosos emigrantes nos Estados Unidos e en Europa

 

Da man do Concello de San Xoán de Río, coa colaboración do Concello da Pobra de Trives e a Deputación de Ourense, chegaba ao Auditorio trivés Julio Vázquez o esperado concerto do compositor e pianista Octavio Vázquez, natural de Río e afincado en Nova York dende 1999.

 

 

Como unha “interesante aposta por achegar a música internacional de primero nivel ao rural” e acompañado pola soprano vienesa Angelika Muchitsch e o violinista alemán Ludwig Dürichen, o pianista ofrecía un espectacular concerto no que, baixo o título “Os Sons da Emigración” fixo un percorrido polas músicas que puideron escoitar moitos dos nosos emigrantes nos Estados Unidos e en Europa, escrita por compositores como Kurt Weill e George Gershwin que foran eles mesmos emigrantes, como tamén o é Octavio que interpretaba varias pezas súas para violín e piano.

 

 

Aclamado pola prensa como “un facho ardente para o próximo século… abraiante… magnífico” (The New Music Connoisseur), “un campo de poder policromático… sentimento profundo” (Kölner Stadt Anzeiger), “melodicismo e dinamismo rítmico” (The New York Times) , “asombrosamente virtuosista” (Soundboard Magazine), a música de Octavio Vázquez ten sido interpretada por toda Norteamérica, Europa, Asia e Australia, e gravada por selos como Naxos, Delos e Odradek, e por canles nacionais de radio e televisión de Estados Unidos, Canadá, España, Rusia e China. As súas obras foron interpretadas por directores como Carlos Kalmar, Rossen Milanov, Dima Slobodeniouk, Paul Daniel e Andreas Delfs, e por solistas como Hilary Hahn, Dmitri Berlinsky, Johnny Gandelsman e Eldar Nebolsin. Tamén escribiu para cine e colaborou con artistas cross-over como arranxista, orquestrador e produtor, sobre todo coa célebre gaiteira e pianista do Silkroad Ensemble Cristina Pato.

 

 

Recibiu encargos e financiamento do National Endowment for the Arts, New Music USA, New York Foundation for the Arts, Orquestra de Radio Televisión Española, Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía, Aspen Music Festival e Xacobeo Classics entre outros. Gañador de numerosos premios nacionais e internacionais, recoñecemento recente inclúe bolsas da Fundación I-Park, MacDowell Colony, e Virginia Center for the Creative Arts (VCCA). Tamén segue activo como pianista e director. Despois da estrea en 2021 do seu quinteto con piano co American String Quartet no Festival de Aspen, Harvey Steiman escribiu para The Aspen Times “un novo quinteto con piano altamente satisfactorio… Vázquez interpretou o seu papel de pianista con vigor e claridade cristalina, e parecía prender un lume baixo os membros do cuarteto… unha enerxía estupenda”.

 

 

O doutor Vázquez estudou en Madrid no Conservatorio Adolfo Salazar e no Real Conservatorio Superior de Música, e logo nos EEUU no Conservatorio Peabody da Johns Hopkins University e na Universidade de Maryland, College Park. É profesor de composición na Eastman School of Music da Universidade de Rochester e na Nazareth University School of Music, onde dirixe o programa de composición.

 

 

Na Pobra de Trives, diante de numeroso público entre o que estaban o tamén pianista natural de Trives, Fabio Álvarez, o alcalde de San Xoán de Río Xosé Miguel Pérez Blecua, o concelleiro de Cultura de Trives e o cónsul honorario de Filipinas e natural de Río José R. Rodríguez que será homenaxeado proximamente, Octavio despregou todo o seu virtuosismo. Comezou cunha composición propia Sonata para Violín e Piano no. 1 (Lugo, 1989) –Vivo, Andante e Presto; rematando con varias pezas de George Gershwin; interpretanto tamén obras de W.A. Mozart e Kurt Weill.

 

 

Entre medias varias pezas do propio Octavio Vázquez englobadas no apartado de Danzas Galegas (Nova York, 2003): Marcha Procesional d’Os Mato, Costureiriña Bonita, Alvorada de Pontevedra, Imos Indo (Alalá), Carballesa e Muïñeira de Ponte Sampaio.

 

 

Na presentación, o alcalde de Río explicou que despois de tocar nos escenarios máis grandes do mundo, estiveron tempo buscando a forma de traelo a casa e xa que no seu concello non podía ser “porque non temos auditorio nin nada” tiveron a opción de traelo a Trives, “ao lado neste fantástico espazo”, dando as grazas aos asistentes e ao propio Octavio que avanzaba as pezas que máis tarde interpretaba.

Fotos e vídeos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button