SanidadeÚltima hora

Acordo de colaboración entre a AECC de Ourense e o Centro Higia de Verín

Este centro ofrecerá unhas clases de “Higia confort” para os pacientes oncolóxicos valorados e derivados en Verín, esto inclúe exercicios de pilates terapéuticos, estiramentos, movilidade articular e relaxación

 

Co propósito de unir os seus obxectivos na loita contra o cancro na provincia de Ourense, o Centro Higia e a Asociación Española contra o Cancro veñen de sumar forzas a través dun convenio de colaboración. Este acordo era asinado polo coordinador-xerente do Centro Higia, Iago Padrón Santamarina, e polo presidente da Asociación, Germán Rodríguez-Saá. O acto de presentación do convenio foi na sede provincial da Asociación, na rúa Doutor Marañón, 21 – baixo.

Con esta colaboración darase a oportunidade de realizar unhas clases de “Higia confort” de maneira gratuíta para os pacientes oncolóxicos valorados e derivados en Verín, esto inclúe exercicios de pilates terapéuticos, estiramentos, mobilidade articular e relaxación. A actividade “Higia confort” será totalmente gratuíta, durante o período dun ano. Farase cun grupo mínimo de 3 persoas e un máximo de 10 persoas, con dúas horas á semana.

O centro Higia ofrece unha sesión inicial particular a cada paciente e así poder adaptar as sesións en función do seu estado físico e as súas limitacións. Tódalas sesións serán supervisadas por un técnico do centro coa formación adecuada.

 

 

A Asociación, 69 anos de experiencia na loita contra o cancro

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 69 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar.

No seu ADN está “estar ao lado das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se llelo diagnostican; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa fundación científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 92 millóns de euros en 525 proxectos, nos que participan máis de 1000 investigadores”, tal e como se indica dende a entidade.

A asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar e acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 sedes provinciais, e presente en máis de 2000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e 1007 profesionais.

Durante o 2021, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu 136.000 persoas afectadas pola enfermidade.

Artigos relacionados

Back to top button