ConcellosÚltima horaViana do BoloVídeos

Acto na praza Maior de Viana do Bolo “pola paz e en contra da guerra”

 

Na tarde deste venres 18 de marzo, antes de que deran comezo os actos da Mascarada Ibérica, a praza Maior de Viana do Bolo acollía un fermoso acto de solidariedade co pobo ucraíno, a favor da paz e en contra da guerra, organizado pola mocidade da vila.

Dende o balcón dun dos inmobles da praza, os xoves dirixíanse á poboación abaixo concentrada explicándolle que estaban aí para lembrar e ter en conta a situación que se está a vivir entre uns países pretos de aquí. “Desde Viana pode parecernos que non podemos facer gran cousa, pero á parte das doazóns materiais que saíron hoxe rumbo a Polonia e das aportación económicas, queremos facer visible na nosa praza, na nosa vila, nos nosos pobos, esta realidade tan grave”, dicían antes de facer lectura ao manifesto de “repulsa pero sen odio a esta situación na que sempre pagan os mais débiles”.

 

 

O acto combinaba as intervencións con momentos de silencio, o acendido de candeas e a colocación de carteis formando a bandeira de Ucraína. De seguido, agradecendo a presenza dos asistentes, aos que convidaron a poñer da súa parte “para que a nosa xuventude se desenvolva con paz e en paz”, o acto remataba repetindo conxuntamente “Queremos a Paz! Non a Guerra!” e soltando globos de cores azul e amarelo entre sonoros aplausos.

Fotos de vídeo cedidos.

 

Artigos relacionados

Back to top button