CulturaCulturaÚltima hora

O actor e humorista Alberte Montes actúa este sábado en Manzaneda

A partires das 21h. presentará, no local A Rebusca, o espectáculo “Galego pode selo calquera”
Alberte Montes. /Foto: Jaribas Fotografía.

É doado ser galego? Iso depende, e Alberte Montes ten a súa propia teoría que explica no espectáculo “Galego pode selo calquera”. “Os galegos temos un xeito de ser característico, ata o punto de que historicamente teñen empregado tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas”, din dende Hermanager Producións. De feito, “ata non hai moito pensábase que a baixa autoestima dos galegos era crónica pero Alberte Montes demostra dende o humor que non é así. Este mal ten cura e poderedes comprobalo. Ser galego non é só pararse na escaleira e facer crer á xente que non sabemos se subimos ou baixamos, para ser galego hai que reunir moitas máis aptitudes”, engaden.

Este actor e humorista que actualmente está gravando a serie de Atresmedia “Fariña” presentará este sábado 7 de outubro no local A Rebusca de Manzaneda o monólogo sobre o que implica ser galego. Será ás 21h. e xa a partires das 23h. haberá “mojitos”. O acto está organizado pola Asociación Cultural A Rebusca en colaboración co Concello de Manzaneda.

 

Artigos relacionados

Back to top button