
Adif Alta Velocidad continuará avanzando nos trámites necesarios para facilitar que a alta velocidade chegue “canto antes”, din, a Ourense e “se acurten os tempos de viaxe dende Madrid e a Meseta ata Galicia”.
Neste senso, hoxe, 3 de agosto, sae publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) a apertura do proceso de información pública correspondente ao expediente de expropiación forzosa (con citación para o levantamento das actas previas de ocupación) das parcelas necesarias para a construción do ramal de conexión entre a liña convencional Zamora-A Coruña e a nova Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia á altura de Taboadela.
Este ramal, cuxa construción terá un custo de 7,3 millóns de euros, “permitirá a continuidade da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Ourense e a Meseta, mentres se tramita e constrúe a Variante Exterior de Ourense.
Un cambiador de ancho de nova execución en Taboadela posibilitará a conexión entre ambas infraestruturas. Este cambiador permitirá a circulación de trens de ancho variable pola Alta Velocidade Madrid-Galicia, de forma que a Estación de Ourense reciba trens de calquera ancho e siga funcionando como novo nó ferroviario distribuidor cara a todas as liñas de ferrocarril de Galicia.
Estas actuacións enmárcanse na adecuación integral da liña existente entre Taboadela e Ourense, cun investimento previsto que superará os 103 millóns de euros, e que inclúe a implantación do ancho estándar (1.435 mm) no traxecto (13 km), ademais da súa electrificación e a execución das instalacións de seguridade, comunicacións fixas e móbiles, proxectos, reposición de servizos, e actuacións complementarias necesarias.