Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Adriana Lastra e Gonzalo Caballero arroupan aos candidatos socialistas ourensáns

Expourense acollía un encontro coa cidadanía no que interviñan Marina Ortega, candidata ao Congreso, e os candidatos ás alcaldías do Barco e Ourense, Alfredo García e Rafael Rodríguez

Os socialistas “son a única opción real que permitirá mudar a realidade da provincia de Ourense, fronte ao secuestro da dereita desde a Deputación Provincial que Baltar converteu nunha antigualla” e “ante unha Xunta de Galicia desnortada con Núñez Feijóo á cabeza”. Así o aseguraban neste domingo 7 de abril na cidade das Burgas o secretario provincial do PSdeG-PSOE e candidato á alcaldía de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; a cabeza de lista ó Congreso pola provincia, Marina Ortega; e o alcalde do Barco de Valdeorras e presidente da Fegamp, Alfredo García.

Os socialistas celebraban un acto na Fundación de feiras e exposicións, Expourense, que contaba coa participación da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra (cabeza de lista por Asturias ao Congreso); e do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero. Nel tamén chamaban á “mobilización masiva” co fin de “seguir a gobernar para a maioría”, logo de evidenciar durante os últimos 10 meses accións de goberno para “unha sociedade máis plural, máis xusta, máis igualitaria e onde caibamos todos e todas”.

O acto iniciábase coa intervención de Marina Ortega, quen poñía en valor o goberno de Pedro Sánchez, seguida polo alcalde barquense e candidato á alcaldía, Alfredo García, quen destacaba a importancia de apostar polo municipalismo criticando a xestión do goberno de Rajoy no relacionado coas administracións locais.

A continuación, Rafael Rodríguez Villarino resaltou, sinalando ós candidatos e candidatas ás alcaldías da provincia, que “estas son as forzas que nós van levar a cambiar por primeira vez a Deputación”. O secretario xeral provincial tamén salientou que PSdeG-PSOE “está máis cohesionado e unido que nunca”.

Ademais Villarino explicou que asumiu encabezar a candidatura na capital ourensá porque “é necesario sacar á cidade do abandono á que está sometida por culpa do PP”. Entre outras medidas, dixo que os socialistas rescatarán a concesión do aparcadoiro do Hospital Universitario de Ourense propiedade da Deputación, e insistiu na necesaria mellora dos servizos sociais do Concello de Ourense que, segundo denunciou, “non están a cumprir coas necesidades máis básicas das persoas, temos que centrarnos nas persoas”. Aludía tamén á necesidade de impulsar o comercio, “imos botarlle unha man”.

O cabeza de lista socialista en Ourense avogaba tamén por “crear unha idea de cidade real porque estamos nunha cidade termal que non é termal, nunha cidade fluvial que non mira cara ó río, ou nunha cidade cun gran conxunto histórico recoñecido que sen embargo está a esmorecer. Quero convidarvos á unión e á ilusión”, insistiu o candidato á alcaldía da terceira cidade de Galicia.

Deseguido tomaba a palabra o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen sinalaba que na década que Alberto Núñez Feijóo leva á fronte da Xunta deixa “un baleiro que se evidencia na caída da poboación, no recorte de profesionais sanitarios ou na diminución de camas hospitalarias”. E engacía que a “mobilización xa é masiva porque Galicia quere futuro” e “espertar do soño dos desastres”.

Neste senso, o máximo dirixente dos socialistas galegos considerou que o xeito de “gobernar para a maioría” que evidenciou Pedro Sánchez nos últimos 10 meses ten que seguir sendo a referencia polo que supón de “avance cara unha sociedade máis plural, máis xusta, máis igualitaria e onde caibamos todos”. Por iso, chamou a unha “mobilización masiva” o 28 de abril, porque “cada voto decide”.

Ao fío disto, a vicesecretaria xeral do PSOE recordou que a moción de censura contra Mariano Rajoy era “necesaria” pola corrupción que evidenciou a sentenza da Gürtel. E tamén comentaba que cando entraron no goberno atopáronse con tres crises. A primeira delas “a institucional porque durante moito a corrupción fixo mella nas estruturas da administración pública e tamén na percepción que os cidadáns teñen dos representantes políticos”. A segunda era unha dobre crise territorial: “a brecha entre o medio rural e o urbano, que se acrecentou nestes anos de goberno da dereita” e a relacionada co independentismo. E, finalmente, unha crise social con “traballadores pobre e precarios” e con “pensionistas que viron minguada a súa pensión”.

Para Adriana Lastra, o goberno que encabeza Pedro Sánchez amosou que “no todos somos iguales” e que, pese ás “mentiras” e “difamacións”, está “traballando” por mellorar a calidade de vida dos españois.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button