ConcellosLaroucoÚltima hora

Adxudicada a mellora do acceso a Seadur (Larouco) por importe de 90.000 euros

A actuación urbanística consistirá no acondicionamento das dúas rúas que comunican esta zona así como na mellora da seguridade no acceso ao local social

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, asinando en abril o convenio de colaboración coa conselleira de Medio Ambiente para levar a cabo estas actuacións.

 

Veñen de adxudicar as obras para executar a mellora do acceso ao núcleo de Seadur, no Concello de Larouco, que conta cun investimento total de 90.000 euros a cofinanciar entre ambas administracións —a achega da Xunta será dun 70% e a do Goberno local, dun 30%—.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, o actuación urbanística terá un dobre obxectivo. Por unha banda, acondicionar as dúas rúas que dan acceso ao núcleo de Seadur para mellorar a entrada ao lugar e solucionar un problema de escorrentías procedentes dos viñedos, sobre todo durante o inverno; e por outra, facer máis segura a zona pola que se entra ao local social municipal, localizado neste mesmo ámbito.

No caso do viario que conecta desde o sur con Seadur, realizarase unha cuneta de formigón no lateral esquerdo de 1,30 metros e tamén se ampliará nuns 60 centímetros polo lado dereito. Ademais, reconstruirase en pedra o muro de contención da vía.

Na rúa de acceso a Seadur polo norte, onde está o local social, colocarase unha varanda de madeira para evitar caídas debido ao desnivel. Ademais, prevese ampliar o ancho da calzada, pavimentando para resolver as fochancas con dobre rego e selado de area.

Tal e como se recolle no propio convenio, a actuación proxectada en Seadur enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas e ao que ten reservado para este ano un orzamento de 7 millóns de euros.

Esta é a segunda ocasión na que a Consellería colabora co Concello de Larouco a través do plan Hurbe, xa que no ano 2017 ambas administracións xa executaran un proxecto de humanización de rúas no mesmo núcleo de poboación.

Artigos relacionados

Back to top button