A Xunta de Galicia vén de adxudicar, na primeira quenda, 20 das 21 prazas de difícil cobertura convocadas en Ourense para persoal médico de Atención Primaria, mediante un proceso selectivo pola vía de concurso de méritos, sen exame, para facilitar a incorporación urxente nesta nova categoría, creada polo Servizo Galego de Saúde para dar resposta o grave déficit destes profesionais en Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC).
O persoal facultativo que onte elixiu destino se incorporará, ao longo do próximo mes, aos seus centros de saúde e reforzará tamén os PAC, contribuindo a garantir a cobertura médica das urxencias de atención primaria e a estabilidade asistencial de numerosos concellos.
As prazas cubertas onte son dúas no Barco de Valdeorras, con gardas no seu PAC; unha no Centro de Saúde/PAC de Viana do Bolo; e tres en Verín, Monterrei e Laza con gardas neste PAC e na Zona Especial de Garda de A Gudiña-Mezquita. Na Baixa Limia, no PAC Bande, con cobertura a Bande e Lobeira. A Limia suma tres prazas con consultas no PAC comarcal e nos centros de saúde de Xinzo, Os Blancos, Calvos de Randín, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Santos. Nas Terras de Caldelas cubriuse tamén unha praza con gardas no PAC de Castro Caldelas e consultas en Castro Caldelas e Parada de Sil.
Asemade, cúbríronse tamén as de Piñor, San Cibrao de Viñas, San Amaro e Cenlle, con gardas, en función de cada praza, nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Ourense, Carballiño, Coles e Ribadavia. Outra no Centro de Saúde/PAC de Celanova; no PAC de Ribadavia/Leiro e Beade; e dúas en Beariz e Punxín, con gardas nos PAC de Ribadavia e Carballiño. Na seguinte ronda, que se convocará os próximos días se ofertará unha das prazas que quedaron vacantes no Barco de Valdeorras, que se espera se cubra con normalidade tendo en conta o alto número de aspirantes, máis de 190 para vinte prazas en toda Galicia.
“O novo sistema para a selección do persoal médico, un proceso iniciado por Galicia e pioneiro en España, aposta polo concurso de méritos para a cobertura, con praza fixa, dos postos máis difíciles de cubrir. Trátase dun sistema máis áxil, que permitirá incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos hospitais, Puntos de Atención Continuada e centros de saúde con maiores carencias de profesionais”, segundo informa o Sergas.
Esta foi a primeira convocatoria, trala súa creación o pasado mes de decembro, “como medida extraordinaria e urxente da Xunta de Galicia en resposta a alta previsión de xubilacións, nos próximos cinco anos, así como ás vacantes sen cubrir actualmente, o que traza un futuro próximo onde a remuda xeracional non está garantida, incluso pese ao incremento das prazas de formación ofertadas os últimos anos, en medicina familiar e comunitaria, máxime tras as vacantes MIR deste ano nesta especialidade”, continúa o Sergas.
Ourense é a provincia co maior número de Centros de Saúde e PACs de Galicia, mais dun centenar, 14 PACs e dúas Zonas Especiais de Garda e, deles, 60 centros cun único médico, ademais de contar co maior número de concellos recoñecidos con condición de illamento.