SanidadeÚltima hora

O Sergas avanza no proxecto destinado a acadar un sistema mellor adaptado ás necesidades do cambio climático

Asistentes á reunión celebrada onte.

 

Co obxectivo de “coñecer os avances do proxecto europeo Life Resystal: Climate change REsilience framework for health SYStems and hospiTALs“, representantes da asociación Health Care Without Harm, orientada á redución do impacto climático dos sistemas de saúde, encabezados por Gabriella Abruzzo, reuníanse na xornada do luns 6 de novembro cos representantes do Sergas e da Consellería de Medio Ambiente.

Por parte do departamento sanitario galego asistiron á xuntanza, a súa xerente, Estrella López-Pardo; a directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro Bello; a xerente de Galaria, Rocío Mosquera; e o xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial. En representación da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; asistiu a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos.

Os participantes no proxecto Life Resystal, iniciado no mes de setembro de 2021 e co horizonte posto en agosto de 2025, teñen por obxectivo “desenvolver, demostrar, avaliar e difundir un marco para promover a resiliencia ao clima e aos retos que o cambio climático supón a todos os niveis”. Para elo, desenvolveranse distintas actuacións nos sete hospitais piloto, entre os que están o Hospital Universitario de Ourense, o de Verín e o de Valdeorras. Cómpre remarcar que o Sergas é o único servizo de saúde de España que participa neste proxecto. Ademais, a nivel da Unión Europea, só o Sergas e o servizo de saúde francés forman parte desta iniciativa.

As actuacións a levar a cabo avaliarán os riscos do cambio climático para o sistema de saúde, trazando o perfil da rexión para definir os obxectivos nas políticas públicas a aplicar nos servizos de saúde, e mitigar así os efectos do cambio climático.

Obras incluídas no proxecto

As obras incluídas este proxecto acaban de licitarse por un importe de 582.090 euros. En concreto, construiranse distintas infraestruturas e pérgolas verdes, que se conectarán entre si xerando espazos verdes, na praza de acceso ao novo edificio de hospitalización do Hospital Universitario de Ourense; un novo sistema de recollida e almacenamento de augas pluviais, no Hospital Público de Verín; e unha cuberta vexetal illante no de Valdeorras. Tamén se inclúe a monitorización destas iniciativas, así como dos obstáculos á hora de tomar medidas climáticas no sector sanitario.

O obxectivo da xuntanza de onte foi “compartir o traballo e a investigación realizados cos hospitais piloto e aplicalos a nivel de sistema sanitario así como identificar os principais riscos e retos climáticos aos que se enfronta o sistema sanitario”; e servirá de base para unha guía práctica para a resiliencia climática dos sistemas sanitarios.

O proxecto Life Resystal, cuxos colaboradores técnicos son a Universidade de Cambrigde; National Center for Scientific Research Demokritos; Acterra; Crisisoft; Health Care Without Harm Europe; Rina; Centro Hospitalier de Millau e General Hospital of Nikaia, conta cun orzamento total de 5,3 millóns de euros (55% de financiamento comunitario), sendo o Sergas o socio con maior orzamento.

Artigos relacionados

Back to top button