A RúaConcellosÚltima hora

Adxudícanse as obras de mellora da área recreativa e do paseo do Aguillón, na Rúa

Paseo do Aguillón, na Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Coas obras de acceso para o futuro Centro de Saúde da Rúa practicamente rematadas, o Concello vén de adxudicar o contrato da obra de mellora ambiental da área recreativa e paseo do Aguillón, á que optaban trece empresas.

O proxecto está subvencionado polo GDR cun investimento duns 70.000 euros e contará con varias actuacións. A principal será a reparación da zona do paseo próxima ao encoro de San Martiño co pavimento moi deteriorado, co posterior valado “dende o inicio onde está o E.D.A.R. ata a praia fluvial”, puntualiza o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

Tamén se acometerá unha obra de reforestación do Arboretum, con novas especies arbóreas, “especialmente pola zona onde se celebra a Bacofesta”, matiza o rexedor, adiantando que tamén se instalará unha caseta de observación de aves. “O Aguillón é unha reserva natural en canto a número de especies de paxaros así que será unha boa forma de atraer aos ornitólogos e persoas afeccionadas a este mundo”, conclúe Álvaro Fernández.

 

Acceso á zona recreativa do Aguillón. /Foto: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button