ConcellosÚltima hora

Buscan fondos para a promoción do destino termal da Eurocidade Chaves-Verín

É unha das premisas conxuradas durante a asemblea xeral da AECT celebrada estes días na República Checa

A Eurocidade Chaves-Verín vén de participar activamente estes días na asemblea xeral da Asociación Europea de Vilas Termais Históricas (EHTTA) celebrada na cidade checa de Karlovy Vary. Entre os acordos selados, destaca a busca activa, por parte do colectivo europeo, de fondos para a promoción do destino termal Chaves-Verín como parte do itinerario cultural europeo para os próximos catro anos.

Para iso, segundo indican dende o colectivo con firma luso-ourensá, os membros da asociación a nivel europeo lanzarán unha candidatura conxunta ao programa Interreg, que permitirá a captación de fondos co fin da promoción desta eurocidade termal. Para suscribir este acordo, viaxou unha delegación técnica que, xunto a máis de 40 delegados das principais cidades históricas termais europeas, abordou tamén o futuro das políticas turísticas e termais a nivel comunitario.

Por outra banda, a asemblea xeral da Eurocidade Chaves-Verín celebrada o pasado día 6 aprobou o presuposto para o ano 2016 en 200.000 euros, que irán destinados á financiación da estrutura transfronteiriza e á implementación do programa de actividades aprobado para este ano. Entre os seus obxectivos destaca a necesidade de impulsar e proteger o patrimonio cultural e artístico asociado ao termalismo e ao agüismo no territorio Chaves-Verín ou impulsar a investigación das propiedades terapéuticas deste tipo de augas.

 

Artigos relacionados

Back to top button