EconomíaEconomíaÚltima hora

AEVA pídelle aos concellos máis axilidade na concesión de licenzas urbanísticas

Vén de emitir un comunicado no que amosa a preocupación sobre este tema que lle trasladaron as empresas do sector da construción

Exterior da oficina de AEVA no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de emitir un comunicado para manifestar a preocupación das empresas do sector da construción pola “pola ralentización do proceso de concesión de licenzas urbanísticas, que se demora en exceso, e que interrompe a actividade normal dos profesionais do sector. E iso a pesar de que a Lei do Solo de Galicia establece un prazo máximo de 3 meses para a concesión de licenzas municipais”, tal e como sinalan na nota de prensa.

AEVA tamén indica que no “que respecta ao réxime de comunicación previa urbanística, que se utiliza para a realización de obras menores, e que se concibiu como un procedemento para acelerar os trámites administrativos propios das licenzas de obra, non sempre cumpre o obxectivo perseguido, xa que en moitas ocasións os técnicos municipais requiren un estudo previo para decidir se as actuacións incluídas no proxecto están sometidas ao devandito réxime”.

Por estes motivos, dende esta asociación empresarial valdeorresa vén de enviarse escritos a todos os concellos da comarca de Valdeorras “poñendo no seu coñecemento esta problemática e solicitando a axilización na concesión de licenzas e nos procedementos para as actuacións sometidas ao réxime de comunicación previa urbanística”.

Así mesmo, dende AEVA remitiuse tamén un comunicado ao Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, que “recentemente manifestou nos medios de comunicación que a ralentización do proceso de concesión de licenzas é común e na maioría de concellos de Galicia e que llo fixeron saber á conselleira de Medio Ambiente e ao director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo trasladando o apoio da nosa organización ás medidas que emprendan para tratar de reactivar a maquinaria administrativa”.

Finalmente dende esta organización empresarial valdeorresa enténdese que “a industria da construción ten a capacidade precisa para actuar como panca para a dinamización económica e para o mantemento e xeración de emprego, e que é un sector imprescindible para contribuír ao desenvolvemento económico e social da nosa comarca”.

Artigos relacionados

Back to top button