Esta mañá a Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER) presentaba a quinta edición da campaña de fidelización “Os 6.000 de Verín”, destinada a fomentar a actividade comercial na vila durante a campaña de Nadal. No acto de presentación, celebrado na sede de AEVER, participaron o presidente da asociación, Santos Álvarez; o xerente da mesma, José Ángel Rodicio; e a concelleira de Comercio do Concello de Verín, Isabel González.
“É xa a quinta edición desta campaña que ten moi boa aceptación entre os clientes e os nosos asociados. O obxectivo desta campaña comercial de fidelización é premiar aos nosos clientes e incentivar as vendas neste momento tan duro para o noso sector”, sinalaban os representantes da asociación.
A campaña levarase a cabo entre o 14 de novembro e o 26 de decembro e conta coa participación de 110 establecementos asociados. A iniciativa incorpora nesta edición un sistema de premios, a través do cal se sortearán 19 cheques de diferentes importes: un cheque de 2.000 €, un de 1.000 €, dous de 500 €, cinco de 200 € e dez de 100 €. O sorteo celebrarase o 27 de decembro na sede de AEVER, en presenza de notario.
Os clientes que realicen compras nos comercios adheridos poderán participar no sorteo completando as papeletas que recibirán nos devanditos establecementos e depositándoas nos buzóns habilitados. As bases da campaña estarán dispoñibles na páxina web de AEVER (www.ccaverin.com). Unha vez realizado o sorteo e localizados os premiados, estes terán ata o día 4 de xaneiro do 2025 para facer as súas compras polo importe premiado (entregaranse uns pasaportes de canxe).
A concelleira responsable da área de Comercio, Isabel González, destacou a importancia de apoiar o comercio local nesta campaña. “Cada compra que realizamos nos nosos establecementos contribúe directamente ao desenvolvemento económico da nosa comunidade, fortalece o tecido comercial e apoia os pequenos empresarios que son o motor da nosa vila”.
A campaña “Os 6.000 de Verín” conta coa colaboración do Concello de Verín e o cofinanciamento da Xunta de Galicia.