ConcellosÚltima hora

Afaor presenta en Valdeorras o seu proxecto de atención ás persoas con demencias

A traballadora social da asociación impartía esta tarde a charla “¿Como afecta a enfermidade do Alzhéimer á figura do coidador?”. Ademais están previstas outras dúas xornadas no Barco neste mes

 

Nunha xornada celebrada na tarde do 1 de outubro no Barco a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) daba a coñecer os seus servizos e presentaba o proxecto de atención que pretende desenvolver na comarca de Valdeorras. A sesión, titulada “¿Como afecta a enfermidade do Alzhéimer á figura do coidador?”, era impartida pola traballadora social de Afaor, Noa Gallego, que comezaba explicando os obxectivos cos que traballa esta entidade: mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias realizando un labor nas áreas da atención ás familias e coidadores, da prevención, da atención a persoas con demencia e da formación e divulgación social.

Esta actividade estaba dirixida ao público en xeral, pero tamén a profesionais do ámbito sociosanitario como traballadores sociais, enfermería e mesmo especialistas. Boa parte dos asistentes eran coidadores/as e familiares. Tamén estaba presente o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra.

Abordábase a atención e o coidado das persoas dependentes con deterioro cognitivo ou con algún tipo de demencia dexenerativa, incidindo tamén nos “coidadores formais e informais”. A partir deste encontro, Afaor ten previsto crear un rexistro de persoas interesadas en poder acceder a atención máis personalizada e apoio emocional. Un rexistro que se elaborará, ben por contacto directo con familiares de afectados, ou ben a través das demandas que lles cheguen dende os Servizos Sociais dos concellos. “Esperamos que ese proxecto sexa o inicio de outros servizos que a asociación poida prestar no futuro na comarca”, indican dende a asociación.

 

Noa Gallego, traballadora social de Afaor, na charla do Barco.

 

A intención de Afaor é prestar en Valdeorras cada 15 días un servizo de atención continuada de carácter psicolóxico, de apoio emocional “que prestaría a psicóloga da asociación de forma individualizada e con cita previa. Nese intervalo de 15 días tamén continuaríamos coa atención telefónica”. Ademais para esa atención presencial contarán co apoio do Concello do Barco que lles facilitará un local onde poder prestar esta asistencia. Ademais, Afaor amosábase interesada en participar e colaborar no Plan de Saúde existente no Barco e que se coordina dende Atención Primaria en colaboración cos Servizos Sociais.

Esta charla era a primeira das actividades que Afaor ten previsto desenvolver neste mes de outubro en Valdeorras. Así, teñen previsto desenvolver outras dúas xornadas informativas/formativas os días 7 e 21 de outubro (ás 17h. no edificio Multiusos do Barco).

Fotos: A.R.

Máis información:
Telf. 988 21 92 92
recuerda@afaor.com
www.afaor.com

Artigos relacionados

Back to top button