OurenseÚltima hora

A Agadic destinará 35.000 euros para o 22 OUFF

Esta edición do festival que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, pretende expandirse por toda a provincia
Sinatura co convenio entre o Concello de Ourense e a Agadic.

O Concello de Ourense e Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento da 22 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense , OUFF que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, coa aportacoón de 35.000 euros por parte da Agadic para “afondar na promoción do sector audiovisual galego”.

No OUFF o público pode gozar de producións cinematográficas non estreadas nos circuítos, de ciclos centrados en actores, directores e cinematografías de prestixio internacional que abrangue numerosas nacionalidades. Ademais, a de 2017 preséntase coma unha edición de perfeccionamento e avance nunha nova dirección iniciada en 2016: “un cambio de orientación do festival cara a unha maior especialización no cine iberoamericano para facerse eco da gran vitalidade da sétima arte en países como Arxentina, Chile, Colombia, Portugal, Brasil ou España”, segundo se recolle no convenio, pero tamén na intención de traer “novos nomes á programación, apostando por unha competición exclusiva para cineastas que encaran o reto do seu primeiro filme”.

Porén, o convenio incide no compromiso co cine galego “como unha das bases irrenunciables do festival, potenciando a súa presenza non só coa proxección de películas senón coa implicación directa da comunidade cinematográfica galega nas diferentes actividades do OUFF”. Esta nova edición terá presenza en toda a cidade pero, cunha clara intención de descentralización, pretende expandirse por toda a provincia para posibilitar o acceso ás propostas do Festival ao maior número de espectadores posible.

Artigos relacionados

Back to top button