Cunha variada e moi completa gama de actividades está a desenvolverse dende o 5 de abril a tradicional Feira do Lázaro en Verín. Iniciábase coa apertura da Feira do Libro, cuxas casetas están instaladas na praza da Mercé, e da Feira de Artesanía (que se trasladaba debido á chuvia ao interior do pavillón polideportivo).
Xa na xornada do 6 de abril dábase paso á vertente técnico-agroalimentaria desta festividade coa inauguración de Agro + Verín, tamén no polideportivo. Neste acto o alcalde verinés, Gerardo Seaone, marcábase como reto acadar novos elementos de formacion técnica para vila, substanciais para dar oportunidades á mocidade. “Xa foron transformados e modernizados moitos aspectos da vila, pero temos pendente traer a Verín ramas técnicas de formación, centradas nas novas tecnoloxías e nas vangardas dixitais, para xerar un novo espazo de futuro para todos”, aseguraba.
Neste acto, Seoane estivo acompañado polos rexedores de Oimbra, Ana Villarino, Monterrei, José Luis Suárez, e Vilardevós, Manuel Cardoso, así como pola presidenta do CRDO Monterrei, Lara Da Silva, e por outros concelleiros verinenses.
Agro +Verín está centrada nas novas tecnoloxías e na oferta tradicional do sector agrario. Presentaban os seus productos preto dunha vintena de obradores e comerciantes de artesanía, procedentes de toda Galicia, Portugal , cunha ampla oferta de moda, complementos, coiro e outros productos tradicionais.
A apertura tamén estivo amenizada coa presenza da agrupación musical Candaria e, por primeira vez nesta festividade, dun grupo de cabezudos, deron comezo as actividades do túnel do viño da DO Monterrei, ademáis da exposición de plantas mediciñais, con visitas guiadas, charlas e vídeos de etnobotánica. Agro+ Verín continuará aberta ao público neste domingo 7 de abril.
O Lázaro conta cunha exposición de vehículos de ocasión, cun importante complemento deportivo que inclúe propostas como o golf, competicións de BTT, fútbol, etc. No apartado cultural, hai diversas actuacións musicais e veñen de abrirse ao público concidindo coa feira dúas novas exposicións no Museo Claustro Mercedario: “Operación Monarca” sobre estas singulares bolboretas e “Aves de Galicia”.
Pola súa banda, a Asociación de Hostaleiros da Comarca de Verín promove nesta fin de semana, en colaboración co Concello, unha serie de menús “Especial Lázaro” co fin de promover os produtos tradicionais da comarca.
Fotos: Carlos G. Hervella.