CulturaCulturaEn portadaMúsicaÚltima hora

Agrupacións de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán protagonizan as XXXIX Xornadas de Folclore da Deputación

Do 12 de agosto ao 21 de agosto, 173 artistas dos seis grupos actuarán no Barco de Valdeorras, Celanova, Maceda, Verín, Entrimo, Viana, A Rúa, Allariz, Trives, Carballiño, Castro Caldelas, Xinzo, Manzaneda, Bande, ademais de Ourense cidade e Ribadavia

 

As Xornadas de Folclore volven un ano máis á provincia nun dos eventos máis esperados do verán cultural ourensán, que nesta 39 edición contará coa participación de seis agrupacións folclóricas procedentes de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o director das xornadas, Julio Fernández Senra, explicaron esta mañá no Pazo Provincial os detalles dun evento que se celebra en Ourense desde o ano 1984.

César Fernández destacou na súa intervención a importante resposta do público, cunha media aproximada de 25.000 espectadores grazas a ese carácter itinerante pola provincia, permitindo coñecer as manifestacións folclóricas doutras culturas, “sempre moi enriquecedor para unha terra como Ourense, tamén cunha tradición folclórica e etnográfica moi importante”.

Un festival “de máxima calidade” do que destacou ademais a cooperación institucional a través da “colaboración permanente” da Xunta de Galicia, agradecendo tamén ao director das xornadas e a toda a organización o enorme traballo para lograr a “excelencia artística”.

Pola súa parte, Anxo Lorenzo subliñou que con estas xornadas enriquécese o panorama galego, “xa de por si rico”, de manifestacións do folclore da cultura tradicional, ofrecendo cada ano unha visión do folclore doutras partes do mundo, o que resulta “todo un luxo e un privilexio”. Felicitou ademais á Deputación e á organización por apostar pola descentralización da cultura, ao facer chegar estas xornadas a case unha vintena de puntos da provincia.

Xulio Fernández quixo recoñecer o gran labor que hai detrás deste evento, citando a coordinación de Xabier Álvarez, aos guías e voluntarios que traballarán a diario cos máis de 170 artistas que actuarán na provincia, aos directores dos centros de acollida e “a implicación da cidadanía nun espectáculo de máximo nivel e de referencia en España”.

Dous espectáculos por noite en dúas vilas da provincia

A Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organiza este festival coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento. Durante a súa celebración, cada noite haberá dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia protagonizados en cada lugar por tres agrupacións, agás na cidade de Ourense e en Ribadavia onde actuarán os seis grupos.

Así, a programación desta edición comezará o 12 de agosto no Teatro Principal coa cerimonia inaugural e prolongarase ata o 21 de agosto con actuacións nas vilas do O Barco de Valdeorras, Celanova, Maceda, Verín, Entrimo, Viana, A Rúa, Allariz, Trives, Carballiño, Castro Caldelas, Xinzo, Manzaneda, Bande, ademais de Ourense cidade e Ribadavia.

Os encargados de espallar a súa música, baile e tradicións pola provincia de Ourense serán 173 artistas das seis agrupacións: Colombia (Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia), México (Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya), Panamá (Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas), Serbia (Kud Srem), Senegal (Ballet Jammu) e Taiwán (Yuan Yuan Dance Group).
O Centro Residencial Docente de Ourense e o IES Universidade Laboral serán as instalacións que acollerán aos grupos participantes durante a súa estadía na provincia.

 

Back to top button