A XXXVI Cata de Viños de Galicia, a XXVI Cata de augardentes e a XII de Licores tradicionais veñen de desvelar os seus premios. Facíano nunha gala que tiña lugar esta tarde no Hotel Monumento San Francisco en Santiago e que contaba coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, entre outras autoridades. Un deses galardóns, o Acio de Ouro ao Mellor Tinto de Galicia, recaía no viño valdeorrés Alan de Val (Alan de Val SAT), mentres que o Acio ao Mellor Branco de Galicia correspondíalle ao Pazo de Rubianes (da D.O. Rías Baixas).
Xa na categoría dos viños brancos de Valdeorras, o Acio de Ouro foi para a referencia A Coroa Godello, de Adega A Coroa S.A.T., e o Acio de Prata para Joaquín Rebolledo Godello, da Adega Joaquín Rebolledo S.A. Na categoría de tintos, o Acio de Ouro foi para Viñaredo Mencía, de Adega Santa Marta S.A.T.
Premios en Categorías Especiais
Na categoría de Viños de Colleitas Anteriores de Galicia, en tintos, o Acio de Prata foi para o valdeorrés Sampayolo Garnacha Tintorera 2022, de Bodegas Sampayolo.
Na categoría de Viños de Elaboracións con Madeira de Galicia, tamén en tintos, o Acio de Bronce recaiu na referencia valdeorresa Lagar do Cigur Crianza Garnacha, de Adega Melillas e Fillos S.L.
O sector vitivinícola, un dos piares da economía galega
Durante a cerimonia de entrega de galardóns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacaba que o sector vitivinícola é un dos piares da economía galega ao dinamizar e xerar emprego de calidade no rural, exercer como embaixador do selo Galicia calidade e atraer turismo á comunidade durante todo o ano. Así mesmo, facía fincapé na calidade e excelencia dos viños e bebidas espirituosas que se producen na comunidade e que contribúen ao pulo que está a vivir o turismo enogastronómico en Galicia.
Acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o presidente agradeceu o traballo e compromiso diario dos máis de 10.000 viticultores e produtores e as 500 adegas e 16 destiladores que hai en Galicia que permiten que a comunidade conte con 14 indicativos de calidade entre denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas.
O Palmarés da cata é o seguinte

