A RúaConcellosÚltima horaVídeos

Alfombra pola paz no Domingo de Ramos en Santo Estevo, na Rúa

Os alfombristas desta parroquia elaboraron un manto dentro da iniciativa mundial 'Flowers of peace'

Neste Domingo de Ramos os fegreses que asistan aos cultos na parroquia de Santo Estevo, na Rúa, atoparanse cunha sorpresa. No adro, o lugar onde ten lugar a bendición dos ramos, hai unha fermosa alfombra co símbolo da paz (unha pomba branca cunha rama de oliveira) sobre a bandeira de España.

É o traballo co que os alfombristas desta parroquia participan no proxecto internacional Flowers of Peace. Unha iniciativa italiana promovida pola Asociación Nacional das Infiorate Artísticas, Infioritalia, en colaboración coa Asociación Nacional Ciudad de la Infiorata, para promover a paz no mundo, “especialmente despois dos acontecementos que conmocionaron a Europa desde o pasado 24 de febreiro coa invasión rusa a Ucraína”, puntualizan dende a asociación.

 

O proxecto nace dunha idea de Eduardo Carbone, experto mundial en alfombrismo, e consiste na elaboración dun tapiz para hoxe (10 de abril). O boceto, común a todos os colectivos que se unen á iniciativa, é simple pero impactante cunhas dimensións mínimas de 1m x 1m e personalizado co nome do pobo que o realizou. Os participantes teñen plena liberdade para utilizar flores, elementos vexetais, serrado, arroz ou outros materiais como sal.

A sal tinguida e tamén o millo foron os materiais utilizados polos alfombristas de Santo Estevo da Rúa, que trala preparación previa (pintar o material, facer o patrón do debuxo nun papel, etc) erguíanse hoxe de madrugada para ter o manto listo para o momento da bendición, outro símbolo da paz.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button