Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima horaVídeos

Alfredo García: “Aspiramos á sexta maioría absoluta no Barco e non contemplamos outro resultado”

O candidato socialista á alcaldía barquense presentaba esta mañá o seu programa nun almorzo cos medios de comunicación

 

Horas despois da apertura oficial da campaña electoral ás municipais do 28 de maio, o actual alcalde socialista do Barco e candidato á reelección presentaba o programa deste partido para O Barco nun almorzo cos medios de comunicación no Café Lisboa da vila. “Temos un traballo feito, levamos adiante moitas cousas e, se os veciños seguen confiando en nós continuaremos con ese espírito de traballo que transmitimos durante seis lexislaturas, aspiramos a seguir facendo cousas e transformando o municipio, logrando que O Barco sexa unha pequena cidade moi agradable para vivir”, dicía García.

Ademais resaltaba o obxectivo da súa candidatura é “lograr os mesmos resultados que xa temos: 10 concelleiros. Temos unha maioría ampla e consolidada e o obxectivo non pode ser outro que conseguir o que sería a nosa sexta maioría porque o fixemos unha boa xestión e os veciños saben que o Concello é a súa casa”.

O candidato socialista facía despois un repaso pormenorizado, por áreas temáticas, das diversas actuacións acometidas na última lexislatura polo seu equipo de goberno, comentando despois os compromisos que pretende levar adiante no caso de continuar á fronte do Concello. Así, na área de Cultura plantexan promover a creación do Museo da MInería Romana e o Centro de Interpretación da Vía Nova, a recuperación da actividade artística de Valdearte, rematar coa dotación técnica e de equipamento do Teatro Lauro Olmo ou rematar as obras de ampliación da escola infantil.

 

 

En Deportes propoñen continuar coa renovación das instalacións deportivas e en Medio Ambiente o programa inclúa, entre outras iniciativas, seguir co programa de mellora do aforro enerxético, seguir co plan de mobilidade, a execución da senda peonil entre O Salgueiral e o Campiño de Viloira ou o cambio integral no sistema de préstamo de bicicletas BiciBarco.

No relativo ao Medio Rural, Alfredo García destacaba que se “teñen feito obras en case todas os núcleos”, resaltando o inicio das obras da segunda fase de rehabilitación do BIC do Castro, o arranxo do arroio en Veigadecabo, o remate das rúas do Camiño de Inverno en Éntoma e Tremiñá ou a mellora das estradas a Cesures, Santa Mariña, Soulecín e Santigoso. Como compromisos, de seguir á fronte do Concello, mencionaba, entre outros, o muro de contención da zona alta de Alixo, a conexión ao abastecemento de augas domiciliario do Concello do Barco e urbanización do entorno da igrexa, o asfaltado da estrada entre Vales e Cesures, a conexión de abastecemento domiciliario de auga dende a traída do Barco en Coedo, ou o arranxo da estrada entre Éntoma e A Veiga de Cascallá, así como o asfaltado da estrada a Forcadela ou o das rúas en Casas Ferreiras en Xagoaza.

 

 

En Servizos Sociais e Sanidade o programa contempla o fortalecemento dos servizos sociais, ampliando as prestacións e habilitando unha vivenda de emerxencia social, a recuperación do programa “O Barco, cidade amiga da infancia”, en Servizos unha nova fase de amplicación do cemiterio municipal, a posta en marcha dun novo sistema de reciclaxe de lixo ou un proxecto para a eliminación de augas pluviais á depuradora, cun orzamento de dous millóns de euros por medio dun convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

En materia de Turismo, Comercio e Emprego, Alfredo Garcíad destaca como compromiso a aprobación definitiva do Plan Parcial do Polígono Industrial e o inicio da urbanización da primeira fase da sua ampliación e en Urbanismos e Infraestruturas o remate da estrada de circunvalación, o proxecto de humanización da estrada xeral da vila, a construción dun paso soterrado na viá do tren fronte á rúa Xirimil, a rehabilitación integral do Paseo do Malecón (Plan de Mobilidade), a remodelación integral da praza Maior e o remate do edificio dos antigos xulgados para sede da Policía Local e oficina de Turismo.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button