ConcellosTrivesÚltima hora

A apertura do Belén de Elías e a Gala Faroliños Solidarios marcarán o inicio do Nadal en Trives

 

Coa apertura e presentación do recoñecido Belén de Elías dará inicio a programación de Nadal na Pobra de Trives. Este luns, 23 de decembro, inaugurarase este tesouro, o nacemento elaborado por Elías Álvarez González e que xa é unha tradición trivesa (e reclamo para visitantes) que se repite ano tras ano. Unha particular representación con figuras animadas e réplicas de lugares e monumentos de Trives.

Ese mesmo día ás 19h. terá lugar a Gala Faroliños Solidarios, ocasión na que a noitiña trivesa tinguirá o seu ceo de luces por unha boa causa, xa que por cada quilo de alimentos non perecedoiros doados darase un faroliño que posteriormente serán soltados.

O martes 24, Noiteboa, ás 19h. Papá Noel visitará Trives por se algún neno ou nena esqueceu antes enviar a carta e así asegurar que todos reciban o seu agasallo de Nadal. O venres 27, nenos e nenas de Trives farán unha excursión a Pazolandia. E o sábado 28 a música chegará á vila con El show de Susana, ás 18h.

O domingo 29 celebrarán en Trives unha das citas que xa marcan o tradicional calendario do seu Nadal ano tras ano, as Prebadaladas coas que celebrarán o inicio do vindeiro ano por adiantado con uvas, badaladas e actuación musical ás 20h. na praza do Reloxo.

 

 

A seguinte actividade chegará xa no 2025, o 4 de xaneiro ás 20h. co Concerto de Nadal do Orfeón Trivés na igrexa parroquial. O 5 de xaneiro as SS.MM. Os Reis Magos de Oriente estarán na localidade.

A programación péchase o 7 de xaneiro coa segunda edición de As Colexiadas, unha xornada de deportes de raqueta no pavillón de deportes.

Ampliación de horarios dos locais de ocio durante o Nadal

Coincidindo co Nadal e as súas tradicionais celebracións, ademais de aumentar os habitantes locais o seu ocio, Trives tamén recibe a numerosos visitantes neste como noutros periodos vacacionais. Por iso, o Concello de Trives vén de decretar a ampliación do horario dos locais de ocio en dúas horas a maiores do horario habitual.

Esta medida entrará en vigor o 22 de decembro e estenderase ata o 6 de decembro (ambos inclusive). A norma, ademais de ampliar os horarios dos locais, tamén se aplica para os espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebran nestas datas.

 

Artigos relacionados

Back to top button