ConcellosO BarcoÚltima hora

Alfredo García: “O Barco demostrou que ten capacidade de organizar probas do calibre dun campionato de España”

O alcalde barquense valora moi positivamente o resultado do nacional de 10 km ruta que se celebraba na pasada fin de semana

Alfredo García nun dos momentos da entrega de medallas do Campionato de España de 10 km ruta no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Valoración moi positiva dende o Concello do Barco dos resultados do XIII Campionato de España de 10 km ruta que se desenvolvía na pasada fin de semana nesta vila valdeorresa e que poñía no mapa estatal do atletismo a este municipio. “Todo foi positivo. A organización estivo perfecta, polo tanto, hai que agradecer ao Club Adas, á Federación Galega, aos voluntarios, a Policía Local, a Protección Civil… a todos os que colaboraron polo traballo que fixeron”, resalta o alcalde do Barco, Alfredo García.

Ademais, dende a perspectiva deportiva, o rexedor destaca tanto a participación, cuns 500 atletas chegados de todos os puntos da xeografía española, e tamén os éxitos barquense, polos ata 8 podios logrados polo Club Adas Cupa. “E dende o punto de vista da repercusión para o pobo eu creo que foi aínda mellor, todo cheo. O sábado había un ambiente extraordinario, mutitude de persoas polo pobo e ademais é xente que quedou encantada e seguro que algúns volverán, e en calquera caso, falarán ben de nós e iso fará que veñan outros a visitarnos, polo tanto, eu creo que non se pode poñer un só pero a esta fin de semana deportiva”, asegura Alfredo García.

 

O rexedor barquense noutro dos momentos da entrega de premios do nacional./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Así mesmo o alcalde sinala que dende o O Barco “demostramos, a pesar do medo que tiñamos de que isto non saíse ben, porque a responsabilidade era moita, e igual que todas as miradas estaban sobre nós e agora van falar ben, se houbese saído mal, sería ao revés; demostramos que temos capacidade, que somos capaces de organizar probas deste calibre, pero hai que ter en conta tamén que non imos poder organizar todas as probas que se lle ocorran a todo o mundo porque o Concello ten a capacidade económica que ten, teremos que ir pouco a pouco, pero este tipo de actos moven moitísima xente e son necesarios”.

Artigos relacionados

Back to top button