Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Alfredo García: “Queremos seguir traballando polo futuro do Barco”

O candidato socialista á alcaldía do Barco e actual rexedor apostaba por unha “segunda transformación da vila” a partir da estrada de circunvalación nun mitin no que estivo acompañado por Margarida Pizcueta, Lalo Santos e Luis Arias

Á beira do río Sil, no Malecón, era o lugar escollido polo PSdeG-PSOE do Barco no último día de campaña para o celebrar o seu mitin, na tarde do 24 de maio. O acto encetábase coas intervención de Margarida Pizcueta, número 2 da lista, e Lalo Santos, número 11. Pizcueta comezaba sinalando que a candidatura socialista, liderada por Alfredo García, é “a máis forte e a que ten máis experiencia”.

Tamén aseguraba que o programa co que se presentan é “realista e riguroso, está feito cos pés na terra” e que o seu lema de campaña expresa “as nosas intencións: seguir traballando cun proxecto realista, con ideas, con ilusión para conseguir O Barco que todos queremos máis humano, limpo, sostible e con máis participación cidadá”. Nese senso, Santos engadía que “queremos contar coa participación dos veciños, tanto a nivel individual como colectivo a través das asociacións, que son moi importante para nós” e amosaba o compromiso dos socialistas “co programa, co Barco e con Alfredo García”.

Margarida Pizcueta finalizaba esta intervención conxunta sinalando que “a mellor recompensa ao noso traballo será poder mellorar os resultados de hai 4 anos” e dáballe paso ao exconcelleiro Luis Arias, tamén integrante da lista do PSdeG nestas eleccións, quen destacaba que “os socialistas non vimos a medrar, senón a traballar, nós gobernamos para todos”. Criticaba a forma de distribución dos fondos aos concellos da Deputación  e pedía “un reparto equitativo, que nos dean o que nos corresponde. O noso problema está en Ourense, levamos 20 anos de marxinación”.

Arias facía un repaso polos vinte anos de xestión de Alfredo García como alcalde do Barco, resaltando feitos como o “PXOM, unha obra importantísima realizada entre 1999 e 2002, que abriu a vila de esquina a esquina. O Barco non tiña timón nin vela ata que o colleu Alfredo e empezou a andar”. E pedía que o vindeiro domingo 26 de maio “cando abramos as urnas estean cheas de rosas que cheguen ata o teito para que o proxecto que comezamos non morra”.

 

 

Finalmente, tomaba a palabra o candidato socialista á alcaldía barquense, Alfredo García, quen amosaba a vontade do seu equipo de “seguir traballando polo futuro do Barco. En 20 anos transformamos este pobo e queremos agora facer a segunda transformación que virá coa estrada de circunvalación coa que sacaremos do Barco os camións e iso vainos permitir aprobar un plan de mobilidade que xa está feito e que imos debatir con todos os veciños. A cidade ten que ser para as persoas, non para as máquinas, iso iniciámolo hai 20 anos, pero hai que rematalo”.

 

 

García apuntaba tamén que “queremos ampliar O Barco cara o outro lado, para iso convocaremos un concurso de ideas para ver como podemos embelecer O Salgueiral. Queremos que o río Sil non sexa o límite do Barco, senón o seu centro”. O seu proxecto inclúe outras iniciativas como a potenciación do servizo de limpeza viaria, “coa incorporación de novos traballadores e ampliación do parque de maquinaria”, a recuperación do patrimonio, a creación dun museo da lousa e dunha escola de danza, a mellora das instalacións deportivas e a construción dunha segunda pista polideportiva, a ampliación do polígono industrial, e a mellora das infraestruturas no medio rural “facendo un proxecto integral para cada un dos núcleos”, entre outras.

O candidato socialista finalizaba a súa intervención falando da situación da sanidade e resaltando que hoxe “o Hospital Comarcal Valdeorras presta uns servizos moito máis deficientes dos que prestaba e iso hai que revertelo”.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button