EntrevistasÚltima hora

Alfredo Vázquez: “A Cooperativa Xesús Nazareno do Barco está avanzando en novos mercados”

O director comercial de Vinos Barco valora a evolución e situación actual desta adega cooperativa, a maior en produción da D.O. Valdeorras, que conta cuns 300 socios cuxos viñedos suman unhas 250 hectáreas en diferentes puntos da comarca

Publicidade
Alfredo Vázquez, director comercial da Cooperativa Xesús Nazareno do Barco, durante a entrevista concedida ao Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con máis de 300 viticultores asociados de diferentes municipios da comarca e unhas 250 hectáreas de viñedo, a Cooperativa Xesús Nazareno do Barco-Vinos Barco é a principal adega por produción da Denominación de Orixe Valdeorras.

Conta cunha longa traxectoria de 64 anos, sendo ademais a primeira adega en embotellar un monovarietal godello, unha de cuxas botellas aínda se conserva na súa sede. “Esta cooperativa constitúe un movemento continuo no cal intentamos mellorar en todos os procesos”, asegura o seu director comercial, Alfredo Vázquez, que resalta a aposta pola calidade, a implicación dos viticultores e as boas expectativas de cara ao futuro: “estamos avanzando en novos mercados”.

A Cooperativa Xesús Nazareno é unha das adegas máis veteranas da D.O., ¿como valora a súa evolución?

Fundouse en 1958 porque naquel momento existían dificultades para vender a uva. Había unha serie de adegueiros que mercaban as uvas e comercializábanas, co cal os ingresos da venda deste produto eran moi baixos. Entón púxose en marcha a cooperativa e a súa primeira colleita realizábase en 1962.

Daquela era todo a granel, e a partir desa primeira elaboración ao longo dos anos houbo distintas transformacións e evolucións, a cooperativa foi desenvolvendo o seu negocio e introducíndose nos viños embotellados, pouco a pouco, ata a data de hoxe. Isto supuxo para os viticultores asociados unha evolución, tiveron que modificar as súas formas de traballar as viñas, aportando outro tipo de uva de maior calidade, conseguindo uns viños distintos completamente naquela época. Hoxe non temos nada a granel, comercializamos todo embotellado e ese é o camiño a seguir.

E o primeiro godello de Valdeorras embotellouse aquí…

Si, foi na campaña 1975/76 e chamábase Gran Godello. Daquela todo funcionaba doutro xeito, pero agora non se pode utilizar nunha marca cunha variedade de uva, entón esa tivo que desaparecer, así que pasamos dese Gran Godello ao Viña Abad ou a outras marcas distintas que tivemos desta variedade.

¿Os viticultores cos que naceu a cooperativa eran de diferentes puntos de Valdeorras?

Tal e como sucede hoxe, sempre tivemos viticultores de case todos os municipios de Valdeorras: de Carballeda, Rubiá, O Barco, A Rúa, Vilamartín, Larouco, algún de Petín… A cooperativa creouse cuns 1.000 socios e actualmente estamos nuns 300. ¿Que sucedeu? Produciuse unha modificación considerable no senso de que antes había moita parcela pequena, hoxe hai menos socios pero as parcelas son máis grandes.

Tamén as instalacións da cooperativa mudaron notablemente…

Claro, cando naceu estaba enfocada a uns tipos de viño e a uns mercados, despois vivíronse evolucións completamente distintas e no ano 2000 inauguráronse as novas instalacións, que están dotadas da mellor tecnoloxía posible e que imos actualizando permanentemente buscando a mellor calidade tanto nos procesos de elaboración como de embotellado. O volume total da adega é de 2,5 millóns de litros nos depósitos de aceiro inoxidable, aos que habería que sumar os de madeira, nos que tamén facemos elaboracións.

¿Como cualificaría o momento actual desta adega?

Vimos movendo, dependendo das colleitas, entre 1,3 e 1,7 millóns de quilos en total e embotellamos o 100% da produción. Sufrimos uns anos complicados pola pandemia e soportámolo ben porque temos moi diversificados os sectores de venda, co cal nuns notamos máis a crise, mentres que noutros aumentamos, e dicir, hoxe estamos nun equilibrio.

Por outra banda, estanse conseguindo viños cada vez de maior calidade, que é o que busca o mercado. Son momentos difíciles incluso nas demandas de viños, cuxas características hai que ir modificando. Os mercados cambian, tamén muda o perfil do consumidor e o tipo de produto, temos que ir adaptándonos a todo iso e ir evolucionando. É difícil e complexo nestes momentos poder definir cara onde imos, pero isto é algo que non só lle sucede á cooperativa, senón que pasa en todos os sectores a nivel nacional.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do “Especial Viticultura” do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button