Máis de 150 orixinais beléns de 16 países, feitos a man e con materiais propios de cada país. Así é a exposición que pode verse no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense ata o próximo 10 de xaneiro.
Trátase dunha mostra única pola magnitude do número de obras, pola diversidade de procedencia (máis de 15 países dos cinco continentes) e pola orixinalidade das pezas (artesanía a man utilizando materiais singulares: pel de froita, follas de millo, resina, marmolina, hojalata, coco, corda, lousa, …), que pertence ao coleccionista trivés Berardo Araújo, quen leva máis de 37 anos recompilando beléns de todas partes do mundo.
Dende o centro comercial adiantan que por razóns de espazo, non foi posible acoller a colección completa -máis de 300 beléns- polo que a mostra pon ao dispor do público unha selección dos máis representativos e orixinais. Así, a mostra achega ao público unha diversidade de pobos e culturas reflectidos na súa artesanía tradicional con presenza de distintos países: Rusia, Bolivia, Quenia, Perú, Etiopía, Namibia,…
Tamén se creou unha sección dedicada a Galicia e outra a España. Entre as pezas máis singulares destacan os beléns de Sargadelos e de Playmobil xunto con dous exemplares oriúndos das cidades de Belén e Xerusalén. A eles hai que sumar extraordinarias miniaturas entre as que sobresae o máis pequeno de todos, de raíz ourensá: un belén construído dentro dunha castaña de tan só catro centímetros.