Unha ducia de establecementos participarán na fin de semana da ponte de San Xosé (do 19 ao 21 de marzo) en “Allariz é oportunidade”, unha campaña na que os clientes poderán atopar estupendas ofertas e descontos dunha gran variedade de produtos que inclúen moda, calzado, deportes, roupa infantil, complementos, fotografía… descontos que farán que mereza a pena visitar o comercio alaricano.
As persoas que se acheguen a Allariz poderán gozar dos descontos nos comercios que durante a próxima fin de semana rematan os seus excedentes da tempada Outono-Inverno. As ofertas poderán atoparse visitando os comercios participantes. As medidas de seguridade serán prioritarias, respectando por suposto as restricións actuais, limite aforo 50%, emprego da máscara e uso do xel desinfectante. Todos os clientes que merquen durante estes tres días terán a opción de gañar 3 lotes de Produtos de Allariz.
María López, concelleira de Promoción Económica Comercio e Turismo, agradece ao sector o seu esforzo nestas circunstancias tan complicadas, xa que “o seu labor é vital para que Allariz siga sendo un lugar atractivo para vivir e para visitar”. Ao mesmo tempo fai fincapé “na importancia de valorar o noso comercio sempre coma a primeira opción de compra”.