DeportesÚltima hora

Alta participación de equipos locais no I Torneo Vila do Barco que se celebrará esta fin de semana no pavillón de Calabagueiros

O campionato de fútbol sala, no que xogarán 16 equipos masculinos (11 do Barco) e 4 femininos, comezará o venres 5 de xullo ás 20 horas

 

Todo está xa listo para o I Torneo Vila do Barco que se celebrará do venres 5 ao domingo 7 de xullo no Pavillón Municipal de Calabagueiros, cunha alta participación de equipos barquenses, 11 dun total de 16 de Valdeorras, O Bierzo, Trives e Viana.

O campionato comezará o venres ás 20 horas con partidos ata as tres da madrugada. Reanudarase de novo o sábado ás 9 horas ata as 2 da madrugada, sendo o domingo os cuartos, as semifinais e a final prevista para as 19 horas.

Aínda que o torneo é masculino, na tarde do domingo día 7 disputarase un cuadrangular feminino no que participarán o Rúa Valdeorras Futsal, o Cidade de As Burgas FS, o Ourense CF e o Vianariño FS. A final  está prevista  para as  18 horas.

 

 

Con respecto ao premios, haberá para os catro primeiros clasificados (Copa e 1.300 puntos para o 1º; Copa e 500 puntos para o 2º e Copa e 150 puntos para o 3º e 4º) e tamén trofeo para o mellor xogador e o mellor porteiro. Ademais, na tarde do domingo durante as finais haberá sorteos. “No descanso da final feminina sortearanse dúas cestas de produtos variados da zona; e no da final masculina, dous lotes de viño”, explican dende a organización.

Para lograr organizar un torneo destas características é necesario contar cunha importante aportación económica, por iso dende a organización agradecen a colaboración do seu principal esponsor, Roca, e tamén ao resto de empresas que participan e cuxa relación figura no cartel.

Tras máis de dez anos o maratón de fútbol sala regresa neste 2024 da man de catro xoves (Adrián Ramos, Óscar Durán, Juan Blanco e Rubén Rodríguez) que decidían xuntar forzas e experiencia. Eles mesmos adiantan que o venres ás 18 horas porán en directo o partido da Eurocopa España-Alemaña e que durante toda a fin de semana terán instalada unha barra no pavillón.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button