SanidadeÚltima horaVídeos

Alumnado de 6º de Medicina enceta o seu “MIR-0” nos centros da área sanitaria ourensá

Completarán un período de prácticas clínicas de 29 semanas rotando por servizos da área médica, cirúrxica, pediátrica, xinecolóxica, psiquiátrica, de atención primaria e urxencias

 

Hoxe dábase a benvida aos vintecatro alumnos e alumnas de sexto de Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela, que elixiron os centros públicos de Ourense para realizar o “rotatorio” últimas prácticas clínicas previas a súa graduación como médicos. Eran recibidos polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial, acompañado do presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata.

Durante estas prácticas, denominadas coloquialmente MIR-0, os estudantes de Ourense “rotarán” polos servizos básicos, tanto hospitalarios como de atención primaria, ao longo de 29 semanas, sempre acompañados dun titor, que os guiará e os avaliará de xeito continuado, realizando ademais, ao remate da rotación en cada servizo, un exame de casos clínicos.

O obxectivo “é conseguir o nivel de competencia preciso para o exercicio da medicina, de dominio dos coñecementos e habilidades manuais; recoñecemento de problemas; selección das probas complementarias a cada proceso; xuízo clínico e prescrición de tratamento racional, ademais doutras habilidades, non menos importantes, como recoñecer aspectos psicolóxicos ou sociais que afectan ao enfermo -aplicando principios éticos como o respecto polo paciente- e a adecuada comunicación e relación co paciente e os seus familiares”, indican dende a área sanitaria ourensá.

 

Ana Estévez, alumna do Barco.

 

Ana Estévez, do Barco: “Espero coñecer mellor ao longo deste ano para poder elixir despois”

Ás portas do exame MIR, para os alumnos e alumnas este período supón tamén unha oportunidade para afondar nas distintas especialidades e o seu día a día na práctica, servindo esta “inmersión” moitas veces para decidir que especialidade ou especialidades lle gustan máis. “Espero ir coñecendo mellor o que me gusta ao longo deste ano, para poder elixir despois”, di Ana Estevez, do Barco de Valdeorras, que inicia hoxe o seu rotatorio por Oncoloxía.

 

 

 

Pedro Manuel Segovia, de Venezuela, comeza hoxe en psiquiatría, pero de entrada ten claro que lle gustan as especialidades cirúrxicas “operar, pasar consulta, atender urxencias… son especialidades que teñen un pouco de todo o que me parece moi interesante”, asegura.

 

Pedro Manuel Segovia.

 

De moito máis preto ven Nazareth Vázquez, ourensá de Vistahermosa, cunha positiva experiencia en dous anos de prácticas de verán nos servizos de Cardioloxía e Dixestivo, nos que valora especialmente a atención e dedicación dos titores e as maiores posibilidades formativas de Ourense, destacando o grao de comunicación e horizontabilidade de ambos servizos, polo que se inclina por eles para facer a súa futura especialidade “estiven moi contenta nos dous e aprendín moitísimo”, sinala.

 

Nazareth Vázquez.

 

O corazón da asistencia clínica

O itinerario de prácticas esta regrado por especialidades e tempo de permanencia. O máis extenso se corresponde coa Clínica Médica, 10 semanas consecutivas (18 créditos). Con 5 semanas e 9 créditos, as prácticas de Clínica Cirúrxica danlle paso polos servizos de cirurxía e traumatoloxía, mentres que o resto do período repártese con 3 semanas (6 créditos) en cada área clínica Obstétrica e Xinecolóxica; Pediátrica; Psiquiátrica, e de Medicina Familiar e Comunitaria; ademáis de 2 semanas (3 c.) en urxencias e servizos centrais ou diagnósticos.

Na área médica os estudantes poden rotar por Cardioloxía, Oncoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Dixestivo, Nefroloxía, Reumatoloxía, Endocrinoloxía, Medicina Interna ou Medicina Intensiva, con estanza en alo menos tres destes servizos un mínimo de tres semanas. Igualmente, a rotación de Urxencias inclúe a realización de prácticas tanto nos servizos de urxencias hospitalarios como nos Puntos de Atención Continuada de Atención Primaria.

A rotación en Medicina de Familia e Comunitaria faise en Ourense nos centros de saúde acreditados para docencia, coa particularidade da nosa Área de dispoñer de centros acreditados no medio rural, como o de Leiro, o que permite aos estudantes coñecer de primeira man o núcleo mesmo da atención primaria, así como os atractivos desta práctica clínica, o que desde hai anos demanda moitas sociedades médicas, para promover a súa elección.

 

 

Coñecer a atención primaria e o rural

María José Fernández, coordinadora docente de Medicina Familiar e Comunitaria, especialidade pola que tamén rotan os alumnos de 5º de medicina, destaca a importancia destas prácticas nos centros de saúde “Hai que darse conta que o 50% dos alumnos de medicina elixiran esta especialidade” ademais, destaca “temos unha das mellores redes de atención primaria de Galicia” polo que a súa experiencia formativa será altamente competitiva e de calidade.

A docente destaca, como tamén fixo o xerente no acto de benvida, a calidade docente dos titores que exercen no ámbito rural “temos uns titores excepcionais que se volcan cos alumnos” alumnos que en moitas ocasións descoñecían ata facer as prácticas a capacidade resolutiva e asistencial da primaria “retinografía, ecografía, cirurxía menor… son técnicas que se están a desenvolver en moitos centros rurais“ por eso animaos a sacar o máximo partido desta e dalles as “grazas por elixirnos”.

Os coordinadores da Área Sanitaria de Ourense nas distintas áreas clínicas do curso 2023-24 son Eva Fernández, Clínica Médica; Pedro Trillo da Cirúrxica; Marta Vázquez de Obstetricia e Xinecoloxía; Santiago Cebrián de Pediatría; David Simón de Psiquiatría; María José Fernández de Medicina de Familia e Comunitaria; e Bernardo Álvarez de Urxencias.

Artigos relacionados

Back to top button