CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Alumnos de 4º de Primaria do María Inmaculada visitan a mostra ‘Castelao Grafista (Fascímile)’ na Sala de Exposicións de Verín

Nesta actividade búscase, a través dos retratos e autorretratos que se exhiben na mostra, a clasificación da personalidade de Castelao

Visita escolar á mostra sobre Castelao, en Verín.

 

O alumnado de 4º de Primaria do colexio Plurilingüe María Inmaculada visitou a mostra ‘Castelao Grafista (Fascímile)’, ubicada na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Verín. “Nestas actividades programadas para os grupos escolares búscase, a través dos retratos e autorretratos que se exhiben na mostra, a clasificación da personalidade de Castelao”, din dende o Concello de Verín. Os estudantes foron recibidos nas instalacións municipais pola concelleira de Cultura, Samanta Barreira.

Tal como explican dende o Concello, na decena de obras expostas sobre ‘Cousas da Vida’ analízase a temática tratada polo creador nesta serie que tanta repercusión tivo na súa época. Moi en concreto, profundízase no uso da retranca polo autor rianxeiro (mediante o análise de obras expostas que carecerían de sentido se non fosen exemplos da súa habilidade para falar con segundas intencións e buscar a graza) tan característica da sociedade galega. Tamén, incídese en como Castelao nas súas obras peneira a sociedade galega da primeira metade do século XX, facéndoo con todos os estratos que a compuñan. Por último, por ser temas recorrentes nos debuxos de Castelao, trátase a través de imaxes representativas a emigración e o exilio, situacións as que el e moitas persoas víronse forzadas na súa época.

Pola relación que Castelao tivo coa Medicina, as visitas grupais comezan e pechan con actividades sobre hábitos respiratorios e ergonómicos recomendábeis, desde perspectivas de educación para a saúde e de medicina preventiva.

Os grupos que asisten están compostos polo alumnado dunha clase, entre 5º de Primaria e 4º da ESO. Ata o momento participaron clases do Colexio Plurilingüe María Inmaculada e do Colexio Apostólico Mercedario. Na vindeira semana, ademais de clases dos devanditos colexios, está prevista a participación dunha clase do IES Castro de Baronceli e outra do IES Xesús Taboada Chivite.

Artigos relacionados

Back to top button