O alumnado de 3º e 4º de Primaria do Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco vén de desenvolver a súa APS “Compartimos o noso tempo de lecer”, un proxecto que combina aprendizaxes académicas mentres realizan un servizo á comunidade.
Neste caso o alumnado puido desenvolver o seu proxecto interxeracional no centro de día O Salgueiral para compartir cos maiores momentos de lecer e diversión. Así, durante o desenvolvemento deste proxecto os cativos foron os protagonistas da súa propia aprendizaxe e participando de forma activa en todo o proceso. Recibiron unha charla formativa da directora do centro de día, Patricia; elaboraron diversos xogos de atención; e como broche final visitaron aos usuarios.
Nas mañás deste xoves 20 e venres 21 de abril os alumnos visitaban o centro onde compartiron momentos moi especiais. “Intercambiaron coñecementos, escoitaron anécdotas, xogaron cos nosos maiores e ata puideron participar nun taller de alimentación saudable gozando dunhas espetadas de froitas moi saborosas”, explican dende o colexio, engadindo que a modo de despedida os pequenos obsequiaron cun detalle a cada usuario para “agradecer a súa alegría, paciencia e tan boa acollida”.
Fotos e vídeo cedidos.