“Cando se combina o talento, o bo facer e a humildade tes diante a un ser moi especial e un artista de nivel mundial”. Con estas palabras definen dende AMAVA (Asociación de Música Alternativa de Valdeorras) a Víctor de Andrés, guitarrista da lendaria banda de folk-rock e Mägo de Oz con máis de 30 de traxectoria co que na tarde do xoves 13 de marzo mantiñan un animado e especial encontro no Escondite Inglés, na Rúa.

Alí, o artista demostrou a súa sinxeleza e calidade artística e humana, contando anécdotas da súa dilatada carreira e aconsellando sobre como poder facer para vivir no difícil mundo da música. “Ao final da súa intervención contestou a todas as dúbidas do numeroso público asistente con toda a paciencia ademais de interpretar con absoluto virtuosismo unha serie de versións de temas clásicos de rock dándolles a súa maxistral personalidade”, aseguran dende AMAVA, destacando que se fixo infinidade de fotos cos asistentes, asinou camisetas e guitarras “sen perder o sorriso nin un momento”.

Foi definitiva “unha velada inesquecible, irrepetible e máxica” coa que AMAVA inicia as actividades de celebración do seu 15º aniversario. Haberá máis actividades, entre elas un festival, pero de momento desfrutaron dunha intensa velada “como hai tempo que non gozabamos”.
O guitarrista, natural de Cacabelos (Léon) tamén visitaba o local de AMAVA, no Barco, aportando ideas; recibía un detalle dos donos do local de hostaría, Verónica e Santiago; e unha camiseta da Asociación e carné de socio. “Xa é un dos nosos”, aseguran orgullosos.

Ver vídeo de Víctor de Andrés no Escondite Inglés da Rúa
Fotos e vídeo cedidos.