
Continúa a desescalada en Galicia. Os límites de reunión de non conviventes amplíanse e pasan de 4 a 6 persoas no interior e de 6 a 10 persoas no exterior; pero, mantense a prohibición de reunirse con non conviventes de 1h. a 6h. da madrugada. Así o anunciaba, a partir das 13:30h., o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa na que daba conta das decisións tomadas na reunión de onte do Comité Clínico que segue a pandemia do Covid-19.
Outra das medidas aprobadas é a ampliación dos aforos, que pasan do 50 ao 75% en comercios, actos culturais, actividades académicas, sempre e cando poida respectarse o límite de distancia física dun metro e medio. Feijóo tamén matizaba que se manterá o límite de aforo no 50% nos concellos que estean no nivel máximo e alto de restricións.
Será, polo tanto, unha “apertura prudente, proporcional e baseada en datos obxectivos”, aseguraba o presidente da Xunta, que tamén anunciaba que estas decisións serán remitidas ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e entrarán en vigor ás 00:00 horas do sábado.