
Os últimos avances e técnicas en canto a cirurxía de cabeza e de columna expoñíanse no decurso da XXXII Reunión da SOGANE (Sociedade Galega de Neurocirurxía), que se desenvolvía na mañá deste 14 de xuño no Hotel Laias Caldaria e que, nesta ocasión, estaba organizada polo Servizo de Neurocirurxía do Hospital Universitario de Ourense. O encontro permitía tamén intercambiar experiencias entre os 45 profesionais asistentes, neurocirurxiáns de diferentes hospitais de Galicia e mesmo algún de fóra.
Este foro concluía ás 14h. sendo a última das intervencións unha charla maxistral, titulada “Valves systems. The engineer’s perspective. Presente and future”, a cargo do enxeñeiro en biotecnoloxía alemán August Von Hardenberg. Ao seu remate, a presidenta do comité organizador, a doutora Ana Pastor Zapata, xefa do Servizo de Neurocirurxía de Ourense, destacaba a elevada calidade científica desta edición.
¿Cal é o cometido dun servizo de Neurocirurxía, neste caso do Hospital de Ourense?
Coidar aos pacientes que teñen problemas da columna vertebral (sexa cervical, dorsal ou lumbar) e problemas do cerebro, é dicir, tratamos hemorraxias cerebrais, así como tumores benignos e malignos.
Con relación á neurocirurxía urxente, operamos hematomas, tanto traumáticos como espontáneos, o que se chama ictus hemorráxico, e para iso contamos con dous servizos importantes que son o servizo de anestesia que trata aos pacientes con traumatismo craneoencefálico e politramautizado, e a UCI que atende os hematomas espontáneos que ás veces temos que operar.
¿Como ten evolucionado a neurocirurxía?
De maneira impresionante dende o punto de vista tecnolóxico. Hoxe temos o que se chama o neuronavegador, que é como un GPS que nos permite identificar os tumores, por exemplo, no cerebro de maneira máis segura, acertando moito máis o lugar onde se atopa un tumor e danando menos as estruturas cerebrais. Nós en Ourense, dende o punto de vista tecnolóxico, temos avances no bloque cirúrxico, dispoñemos dun TAC intraoperatorio de última xeración, tamén temos monitorización intraoperatoria e contamos con todos os medios modernos para poder operar aos pacientes da maneira máis segura que poidamos.
Tamén a neurofisioloxía (que estuda a funcionalidade do sistema nervioso) é moi importante no manexo do paciente en neurocirurxía…
En Ourense a neurofisioloxía é un servizo moi potente, moi actualizado, co cal en quirófano colaboramos de maneira moi estreita, é quizais unha das mellorías que aportamos ultimamente, e monitorizamos pacientes para diminuír as secuelas neurolóxicas, tamén grazas a eles somos capaces de facer cirurxía esperta, contando tamén co neuropsicólogo.
Na XXXII Reunión da SOGANE profesionais de diferentes puntos de galegos compartían e intercambiaban experiencias, ¿que valoración fai deste encontro?
Resultou moi ben, reunímonos neurocirurxiáns dos 5 hospitais de Galicia que teñen servizo de Neurocirurxía. Tivemos unha reunión científica con presentacións dos residentes e algúns adxuntos dos servizos de neurocirurxía galegos de moi alta calidade científica. Ademais este ano convidamos a un enxeñeiro especializado en válvulas de Alemaña, que deu unha charla maxistral explicando os diferentes tipos de válvulas que hai no mercado, foi unha charla moi moi interesante e de alto nivel científico.
Todos os neurocirurxiáns galegos acostumamos xuntarnos unha vez ao ano, temos unha xunta directiva e, ademais do apartado científico, falamos dos problemas que temos ou do que facemos na nosa autonomía.
Non é a primeira vez que a provincia acolle este encontro…
Non, eu levo en Ourense dende o 2003 e esta é xa a terceira, cada cinco anos máis ou menos tócalle a Ourense.
¿Pode dicirse que a neurocirurxía galega ten nestes momentos un bo nivel no marco español?
Temos un altísimo nivel, é dicir, a preparación dos neurocirurxiáns aquí en Galicia é moi boa, os hospitais están dotados dunha tecnoloxía punteira, temos todos TAC intraoperatorio, neuronavegador… pero queremos máis loxicamente, porque o que pretendemos é darlle o mellor aos nosos pacientes. Os hospitais de Galicia non temos nada que envexar aos de ningunha outra autonomía de España e tampouco do estranxeiro, temos un nivel moi bo. Os médicos e os neurocirurxiáns españois están moi ben preparados, e os galegos en particular.