En portadaÚltima hora

Ana Pérez Varela, unha valdeorresa rumbo a Harvard (Boston, EE.UU.)

A barquense, vén de conseguir en concorrencia competitiva, o contrato posdoutoral que outorga a Xunta para desenvolver un proxecto de investigación contemplando 24 meses en centros no estranxeiro

Ana Pérez Varela medindo unha custodia. /Foto: Yago García.

 

Ana Pérez Varela, natural do Barco de Valdeorras e doutora cum laude en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, vén de conseguir en concorrencia competitiva o contrato posdoutoral que outorga a Xunta de Galicia aos mellores expedientes do ano. Trátase dun contrato de 3 anos como persoal docente da USC que permite desenvolver un proxecto de investigación contemplando 24 meses de estancia en centros de investigación no estranxeiro.

Neste caso, Ana presentou un proxecto titulado Pensar a historia, imaxinar o Camiño: análise cultural do imaxinario visual do Camiño de Santiago a través da arte, o deseño e a publicidade, que pretende “analizar de modo interdisciplinar o fenómeno xacobeo desde unha perspectiva material e ideolóxica, cruzando metodoloxías da socioloxía, a psicoloxía, a xeografía humana, as ciencias do turismo e as humanidades”, tal como ela mesmo explica.

A barquense, que pasou polo CEIP Condesa de Fenosa e o IES Lauro Olmo antes de marchar para Santiago, traballará durante nove meses na Herztiana Library da Max-Planck Society en Roma (Italia), a biblioteca de historia da arte máis importante de Europa; duranre outros nove meses no Warburg Institute da Universidade de Londres (Reino Unido), centro que acolle a investigadores de todo o mundo; e os outros seis meses na Faculty of Arts and Sciences da Universidade de Harvard (Boston, Estados Unidos), unha das máis importantes da exclusiva Ivy League.

 

O libro escrito por Ana Pérez Varela. /Foto: Iago García.

 

Na súa primeira estancia, en Italia, Ana Pérez centrarase no “baleirado bibliográfico e documental de arquivos e a comparativa das cidades que forman, xunto con Santiago, o tridente das peregrinacións mundiais do cristianismo: Roma e Xerusalén”, explica. Na súa segunda estancia, en Londres, explorará o contexto no que se encadra o seu estudo desde un punto de vista histórico, co nacemento do deseño, a publicidade, o cartelismo e as teorías da percepción da imaxe. Así, a súa estancia en Harvard valeralle para fundamentar o seu estudo nos procesos epistemolóxicos do desenvolvemento das ciencias do turismo, a socioloxía, e psicoloxía asociada ao proceso de creación dun imaxinario e a interacción da sociedade co mesmo, enriquecéndoo e modificándoo conforme avanza a historia.

Ademais deste contrato da Xunta, Ana conseguiu a bolsa da Fulbright Comission, institución americana que conseguiu o premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional en 2014, e da que saíron 60 premios Nobel e 86 Pulitzer, que supón “unha potente rede diplomática na que os seus membros son escollidos con transparencia polo seu excelente currículo académico e traxectoria profesional, en aras de potenciar as relacións internacionais baseadas na investigación, a educación e a divulgación científica”, explixa a investigadora barquense, adiando que esta institución completará o financiamento da súa estadía en Harvard, apoiándoa durante todo o proceso burocrático, institucional e persoal.

Como parte do seu excepcional currículo, a historiadora publicou recentemente o libro El platero compostelano Ricardo Martínez Costoya (1859-1927): contexto, vida y obra (Andavira e Consorcio de Santiago, 2020), obra galardoada co VI Premio Domingo Fontán de Investigación, e actualmente atópase comisariando unha gran exposición de pratería que terá lugar en Compostela entre xuño e agosto de 2022 como parte das actividades do Xacobeo.

Artigos relacionados

Back to top button